Site icon Crónica3.com A Mariña

Xoán Curiel actúa este domingo, día 17, en Ribadeo dentro do ciclo Outras voces

 Ribadeo, 15 de novembro de 2019. Xoán Curiel actúa este domingo, día 17, en Ribadeo dentro do ciclo Outras voces, no que a pasada fin de semana os asistentes puideron escoitar a Tonina Saputo.
Xoán Curiel chega ao Teatro de Ribadeo este domingo ás 20 horas cun concerto íntimo e acústico para o público adulto ribadense, antes de viaxar na semana seguinte nunha nova xira por Italia que o levará nesta ocasión a Roma, Perugia e Como.
Xoán Curiel dende hai anos desempeña a súa carreira en proxectos de adultos e infantís. Neste último caso con A Banda do Verán, coa que neste 2019 obteveron o Premio Martín Códax da Música Galega na categoría de música infantil polo seu libro disco e espectáculo A Casa do Terror.
En abril deste mesmo ano presentou o seu sexto traballo discográfico, un novo libro-disco, homenaxe á figura de Antonio Fraguas, chamado Canta miña pedra, canta (Editorial Galaxia 2019).
Nos pasados anos Xoán Curiel realizou xiras por diferentes países como Brasil, Arxentina, Portugal, Suiza ou Grecia e participou en múltiples e diversos proxectos como músico, compositor, intérprete, actor ou director teatral. Proxectos como a película galego cubana Maimiño, o documental acerca da poesía galega Vértice de Versos, o espectáculo ou libro-cd CoraSons ou no festival Cantando a Marrodan, que tivo lugar no Teatro Campos Eliseos Antzokia de Bilbao.
Con varios premios e nominacións a nivel galego, Xoán Curiel obtivo en 2012, o galardón a nivel estatal a Mejor Album en Gallego polo seu disco Magnético Zen, nos V Premios de la Música Independiente.
O prezo das entradas para asistir ao concerto de Xoán Curiel este domingo en Ribadeo será de 3 euros.

Exit mobile version