Ribadeo, 15 de novembro de 2019. Xoán Curiel actúa este domingo, día 17, en Ribadeo dentro do ciclo Outras voces, no que a pasada fin de semana os asistentes puideron escoitar a Tonina Saputo.
Xoán Curiel chega ao Teatro de Ribadeo este domingo ás 20 horas cun concerto íntimo e acústico para o público adulto ribadense, antes de viaxar na semana seguinte nunha nova xira por Italia que o levará nesta ocasión a Roma, Perugia e Como.
Xoán Curiel dende hai anos desempeña a súa carreira en proxectos de adultos e infantís. Neste último caso con A Banda do Verán, coa que neste 2019 obteveron o Premio Martín Códax da Música Galega na categoría de música infantil polo seu libro disco e espectáculo A Casa do Terror.
En abril deste mesmo ano presentou o seu sexto traballo discográfico, un novo libro-disco, homenaxe á figura de Antonio Fraguas, chamado Canta miña pedra, canta (Editorial Galaxia 2019).
Nos pasados anos Xoán Curiel realizou xiras por diferentes países como Brasil, Arxentina, Portugal, Suiza ou Grecia e participou en múltiples e diversos proxectos como músico, compositor, intérprete, actor ou director teatral. Proxectos como a película galego cubana Maimiño, o documental acerca da poesía galega Vértice de Versos, o espectáculo ou libro-cd CoraSons ou no festival Cantando a Marrodan, que tivo lugar no Teatro Campos Eliseos Antzokia de Bilbao.
Con varios premios e nominacións a nivel galego, Xoán Curiel obtivo en 2012, o galardón a nivel estatal a Mejor Album en Gallego polo seu disco Magnético Zen, nos V Premios de la Música Independiente.
O prezo das entradas para asistir ao concerto de Xoán Curiel este domingo en Ribadeo será de 3 euros.