Site icon Crónica3.com A Mariña

Volve a campaña Domingueo en Ribadeo. Con ela Acisa pretende potenciar as compras no comercio local e o consumo na hostalería local os domingos pola mañá

 Ribadeo, 8 de novembro de 2019. A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos promociona as compras no comercio local os domingos pola mañá e o consumo na hostalería local coa campaña Domingueo en Ribadeo.

O obxectivo desta campaña pasa “por potenciar as compras durante os domingos pola mañá e por dar a coñecer un pouco máis a Ribadeo a aquelas persoas que temos máis preto. Oviedo, Avilés, Xixón ou Lugo están a pouco máis dunha hora en coche e por autovía. Desde A Coruña posche en Ribadeo en menos de hora e media. Queremos dirixirnos a ese público, a esa clientela, á que queremos animar a pasar as fins de semana na localidade ou a achegarse a gozar dos domingos. Estamos moi preto e temos moitas cousas que ofrecerlles: un comercio referente e próximo e unha hostalería en constante movemento disposta a sorprenderlles coas súas propostas gastronómicas”, explica Francisco Iriarte, presidente de Acisa.

Para Jesús Pérez, xerente da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos, “é importante lembrarlles aos nosos veciños e veciñas de todo a contorna que estamos aquí, que seguimos traballando todo o ano para ofrecerlles a mellor atención tanto no comercio como na hostalería. E aos que están a pouco máis de 100 quilómetros convidámolos a que veñan deixarse sorprender por Ribadeo nestes meses de outono e inverno. A paisaxe, os monumentos, o centro histórico, o mar embravecido, a ría, as cores desta época, a gastronomía de tempada… hai moitísimos motivos para achegarse a Ribadeo e un dos principais é que o noso comercio abre os domingos pola mañá. Ribadeo é o Centro Comercial coas mellores vistas”.

Presidente e xerente lembran que “desde Acisa organizamos durante o ano diferentes actividades para dinamizar Ribadeo, o seu comercio e a súa hostalería, e co obxectivo de conseguir que sexan moitos as persoas que nos visiten desde o outono ata a primavera. Ribadeo ten moito que ofrecer, sexa cal for a estación elixida para achegarse ata a nosa vila”.

A campaña Domingueo en Ribadeo foi presentada en plena rúa comercial polo xerente, Jesús Pérez, e por dous membros da directiva, Juan Andina e Carmen Cruzado

Exit mobile version