Site icon Crónica3.com A Mariña

Viveiro será a vindeira semana a capital galega do motor coa celebración do I Rallye Mariña Lucense

 Viveiro, 6 de novembro de 2019. O Concello de Viveiro convertirase entre os días 15 e 17 deste mes na capital galega do motor coa celebración da primeira edición do Rallye Mariña Lucense.

A proba, do Campionato Galego de Rallyes, percorrerá diferentes concellos da Mariña Lucense, pero Viveiro será un dos seus epicentros. No peirao darase a saída, a chegada, entregaranse os trofeos e estará o parque técnico para os automóbiles, que poderá visitarse desde o venres.

Por outra parte, no aparcadoiro da Praia dos Castelos de Covas faranse as verificacións dos vehículos participantes, co obxectivo de que a proba esté repartida por todo o concello.

“É unha magnífica oportunidade para promocionar o noso atractivo turístico e demostrar que podemos albergar probas deportivas de alto nivel”, sostén a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro. O mundo do motor atrae a milleiros de afeccionados “e nese fin de semana teremos visitantes de toda Galicia, Asturias, León, Cantabria e o norte de Portugal”, apunta a alcaldesa.

“Falamos ademais da proba na que se decidirán os campionatos galegos nas súas diferentes categorías, polo que desde o concello colaboraremos coa organización e coa Deputación de Lugo para que todo saia ben e teñamos no 2020 a segunda edición”, explica.

En opinión de María Loureiro, “Viveiro é un concello acolledor e desde as administracións temos que traballar para atraer eventos deste tipo, que serven para desestacionalizar o turismo e incrementan a actividade de hoteis e restaurantes”.

Uns 150 pilotos de diferentes categorías participarán na proba, moi ben recibida no concello e na Mariña pola numerosa afección ao motor e pola espectacularidade dos tramos.

Exit mobile version