Mondoñedo, a 21 de novembro de 2019. O Concello mindoniense, presidido por Elena Candia, desenvolve distintas liñas de traballo para a promoción turística e comercial do municipio. Un dos produtos emblemáticos do agro de Mondoñedo e a súa contorna é a faba verdina. Por iniciativa do Concello en colaboración coa asociación de produtores, a próxima fin de semana (días 22, 23 e 24), trece establecementos de hostalería da cidade episcopal ofrecerán aos seus clientes tapas nas que será protagonista a faba verdina.
Os establecementos que participarán nesta iniciativa son os seguintes: Valeco, Amencer, Padornelo, Pasatempo, Rincón, Porriño, A Vinoteca de Segundo, Bar Castro, A Tasca, O Petisco, Taberna Galiana, A Bodeguiña e O Palique. Cada establecemento recibirá cinco quilos de fabas, aportados polo Concello e a Asociación de Produtores de Faba Verdina.
O secretario da asociación, Alfonso Cartoy, sinala que con esta iniciativa perséguense varios obxectivos. Por un lado, que os hostaleiros comproben as posibilidades gastronómicas que ofrece este tipo de faba, así como o seu rendemento. Por outro, que o público en xeral deguste un produto que ofrece amplas posibilidades e variedades á hora de preparalo. Cartoy explicou que a asociación está integrada por tres produtores, doutros tantos municipios, coa súa sede en Mondoñedo.
Polo seu lado, a alcaldesa, Elena Candia, sinalou que o Concello de Mondoñedo ten especial interese en promover os produtos propios do municipio e indica que, neste camiño, colaborará, como xa o ven facendo, con iniciativas deste tipo.