Burela, 21 de novembro, 2019. Este mércores as monitoras de Gaia, do Concello de Burela, estiveron cos rapaces de Camiña realizando un taller de cociña con sobras, cunha receita para elaborar croquetas de pito e de xamón.
As monitoras de Gaia explicaron que “o obxectivo era concienciar da importancia de non tirar comida ao lixo, e recordar que en moitas ocasións coas sobras podemos facer un novo prato moi apetitoso. Os datos ao respecto da comida que remata no lixo son preocupantes: en España 7’7 millóns de toneladas de alimentos desperdícianse ao ano. Cada fogar tira ao lixo uns 76 quilos de alimentos anualmente”.
E engaden que “estes días celébrase a Semana Europea da Prevención de Residuos, que baixo o lema Cambia os teus hábitos, reduce os teus residuos, intenta concienciar sobre a problemática dos residuos, e sen dúbida os residuos orgánicos xogan un papel importante. Pequenos xestos no noso día a día poden axudar a reducilos: fai unha lista da compra antes de mercar, fíxate na data de caducidade dos alimentos, revisa a túa despensa periodicamente, adecúa as racións de comida ao número de comensais, cos restos de comida intenta facer unha nova receita, conxela alimentos… E se aínda así tes sobras proba a facer compost, un abono natural para as túas plantas ou para a horta”.