Site icon Crónica3.com A Mariña

“Se non sodes iguais, amosade que sodes diferentes”, por Antonio Gregorio Montes

Noraboa, lográchedelo. Porque iso era o que íades procurando, o medre das posturas máis extremas, as diferentes ás nominais ata o de agora, non? Tentando igualar a corrupción por arriba, tomando unhas decisións mentres que se manifestan outras, con loitas internas solucionadas cun liderazgo non forte, senón baseado na eliminación do contrario, con esquecemento das persoas, substituídas por grandes palabras de anuncio, e sobre todo, botándolle a culpa o outro, xa sexa partido ou sinxelamente a quen é diferente, e criminalizándoo, polas verbas e polas leis. Procurando o poder polo poder, non polo ben común, e tomando o pobo por tonto refén… e esas cousas, en xeral, sábenas facer mellor quenes menos escrúpulos teñen, polo que medrarán máis.
Na noite electoral, unha vez máis, polas verbas que se ían escoitando e máis aínda polos letreiriños que se ían desprazando en pantalla, viuse o número de escanos, o produto, que representa ós políticos, moito moito máis que o número de votos, que representan as persoas, ou as porcentaxes, que representan á sociedade. Escanos, non votos nin porcentaxes: hai que ir ó práctico. E cando se asume iso, o práctico é o diferente se se percibe que o vello non funciona. E ‘o novo’ pode ser mesmo o que se ten esquecido, sempre que non se deixara ver demasiado nos últimos tempos como vello. O empaque dourado da propaganda pode variar a tendencia, pero non eliminala. Máis aínda, cando a propaganda baséase en fume, de novo os prestidixitadores maiores son quenes máis práctica teñen en enganar.
Coido que se pode falar de partidos concretos, pero, despois das eleccións, para que? Para botar as culpas a alguén, poñendo o énfase nunha cara, nunhas siglas, para que a cousa sexa máis directa, personalizando para poder atacar mellor e esquecendo o resto de culpa? Coido que é máis ben cousa de tomar conciencia de que o cancro esténdese a tódolos tecidos, aínda que non todos esteñan igual de contaminados. De tomar conciencia de que o pobo, refén dun sistema, é ó tempo quen o mantén, e polo tanto, quen pode cambialo. Quen ten que cambialo cambiándose a si mesmo.
E non, está demostrado que facendo as mesmas cousas chégase ó mesmo sitio, que para chegar a un lugar diferente hai que facer as cousas de xeito diferente, polo que raro sería que facendo a mesma política o resultado fose diferente…

Exit mobile version