Site icon Crónica3.com A Mariña

Rouco lamenta que o BNG “non teña máis altura de miras” e “non sexa capaz de priorizar os intereses dos bureleses aos do seu partido”

 Burela, a 29 de novembro de 2019.- O presidente do PP de Burela, Manuel Rouco, lamenta que o Bloque Nacionalista Galego “non teña máis altura de miras” e “non sexa capaz de priorizar os intereses de Burela aos do partido”. O popular recoñece publicamente “que agardaba algo máis dos nacionalistas, cando son coñecedores, di, do descontento que existe coa xestión do goberno socialista”.
“Temos que recoñecer que pensabamos que ían deixar de lado o sectarismo que os caracteriza, porque entendemos que todos os grupos que concorremos ás eleccións facémolo para servir aos nosos veciños, incluso por riba das siglas políticas. Comprobamos que non é así. Néganse a sentarse co PP para buscar a estabilidade gobernamental. Dende logo, ao Grupo que represento isto é o único que lle importa”, afirma Rouco.
“Un paso adiante”
Os populares, destaca, “demos un paso adiante, intentando establecer contactos co BNG, co único fin de acabar coa parálise que temos en Burela”. “O PSOE creou o slogan Burela Bonita, pero dende logo isto non se notou na mellora e creación de servizos. E o Bloque Nacionalista Galego sábeo. Máis que Burela Bonita, o que temos é unha Burela na que non se fixo nada nos últimos anos; unha Burela estancada; unha Burela de escaparate, na que se abres a súa porta, non hai nada que interese; unha Burela sen oportunidades; e unha Burela desaproveitada, a pesares dos potenciais que temos, como pode ser o porto ou o turismo”, insiste.

Convite “a repensar” a postura do BNG
Con todo, e dado que a investidura aínda non se produciu, Manuel Rouco convida ao BNG “a repensar a súa postura”. “Dende o PP estamos dispostos a chegar a un acordo que beneficie aos veciños. Seguimos ofrecendo diálogo e facémolo dende unha posición construtiva, non destrutiva como fan outros. Cremos que o estancamento do Concello ben merece a pena poñerlle freo e iso só pasa porque os grupos da oposición sexamos capaces de rachar cos estereotipos ou coas directrices que a algúns lles poidan dar dende a dirección do Partido”.
Neste senso, Rouco manifesta que “no Partido Popular témolo claro: se para que o noso pobo mellore é necesario establecer negociacións baixo un acordo de mínimos con outras forzas, farémolo. O futuro dependerá de se somos capaces de tender a man ou se, pola contra, di, preferimos ser cómplices do que xa hai e que pouco ou nada trouxo para Burela”.

Exit mobile version