Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2019.- O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, fixo entrega esta tarde do galardón do IX Premio Voz de Liberdade, consistente nunha peza orixinal de Acisclo Manzano, á escritora e profesora mindoniense Marina Mayoral. Fíxoo nun acto celebrado na Biblioteca de Galicia e guiado polo escritor e profesor Xosé Ramón Pena, que incluíu unha mesa redonda coa premiada e o presidente do Centro PEN Galicia, Luís Gonzalez Tosar. O premio, impulsado por esta asociación cultural coa colaboración da Xunta, recoñece desde 2003 aos autores que ao longo da súa vida teñan sobresaído na defensa da liberdade de expresión e opinión.
O xurado desta edición estivo composto por Luís González Tosar, Ánxela Gracián, Bieito Iglesias, Xabier Castro Martínez, Inma López Silva, Pablo Rubén Eiré, Luis Menéndez, Xosé Ramón Pena e Manuel Guede, que na súa resolución puxeron de manifesto a gran valía da obra literaria da escritora, así como as súas achegas sobre Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán ou Valle-Inclán e, “sobre todo, a súa constante defensa do dereito de expresión e de opinión e a reivindicación do papel da muller no ámbito da literatura e na sociedade en xeral”.
Un mundo más digno, respectuoso e plural
Ao fío do exposto polo xurado, Román Rodríguez agradeceulle á autora “o traballo realizado nas últimas décadas en prol dun mundo máis digno, respectuoso e plural, máis aló de posturas cómodas, modas ou tendencias”. E destacou que, con este recoñecemento, Mayoral se une “a unha pléiade de grandes persoeiros da cultura galega” como son Bernardino Graña, Úrsula Heinze, Francisco Fernández del Riego, Isaac Díaz Pardo, Mª Xosé Queizán, Salvador García-Bodaño, Arcadio López-Casanova e Xosé Luís Méndez Ferrín.
O titular de Cultura concluíu a súa intervención destacando o prestixio e criterio demostrado polo Centro PEN Galicia na concesión deste premio que fomenta unha serie de valores comúns do PEN Internacional como son a promoción global e local da literatura, a comprensión e o respecto mutuo entre nacións e pobos, e a defensa da liberade; e agradeceu o seu constante esforzo “por acreditar no poder da palabra”.