Ribadeo, 20 de novembro de 2019. Ribadeo celebrará o 25 de novembro o Día Internacional contra a Violencia cara ás Mulleres cunha andaina que partirá ás 11 da mañá do aparcadoiro municipal, percorrerá varias rúas e lugares emblemáticos da vila e rematará no Cargadoiro, onde terá lugar a lectura dun manifesto e onde esta tarde se presentou a campaña Camiña Segura, Ribadeo En Negro. Ao acto asistiron a concelleira de Igualdade, Mariluz Álvarez Lastra, que estivo acompañado por representantes dos centros de ensino de Ribadeo e da Mesa Interinstitucional de Violencia de Xénero.
Álvarez Lastra dixo que “iniciábamos no mes de xullo o proxecto municipal Ribadeo. Camiño seguro! coa finalidade de potenciar a vila como punto referente do Camiño do Norte na súa dirección a Santiago de Compostela, con especial fincapé en ofrecer un entorno seguro para as mulleres que viaxan soas. Sensibilizar ao conxunto da cidadanía, administracións públicas e entidades privadas sobre a importancia de xerar espazos que favorezan a prevención da violencia sexual nas rutas do Camiño de Santiago, e promover unha imaxe positiva do mesmo. Resultado dese proceso ven ser o deseño do Pacto Local contra as violencias machistas no Camiño”.
A edil ribadense explicou que “queremos aproveitar as sinerxias de todo o traballo acumulado e centrar este ano a acción reivindicativa que organizamos desde a Mesa Interinstitucional de Violencia de Xénero para a conmemoración do 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia cara ás Mulleres nun acto que xira arredor do camiño do norte vencellado á campaña Ribadeo. Camiño Seguro”.
A concelleira de Igualdade manifestou que “proseguimos participando da campaña En negro contra as violencias. Ribadeo en negro, por cuarto ano consecutivo e por iso animamos a que do 21 ao 25 de novembro, vistades as vosas tendas, comercios, empresas, bares, postos do mercado, etc. de negro, ou a ti mesmo/a de negro, aínda que este ano desde o Concello carecemos de material para facilitarvos. Podedes aproveitar o de pasadas edicións e baixar carteis ou o que queirades da páxina web https://ennegrocontraasviolencias.gal/ e seguro que tedes cousas negras”.
Mariluz Álvarez Lastra subliñou que “o luns, día 25, ás 11.00 da mañá sairemos do aparcadoiro municipal para iniciar un treito do Camiño. Proseguiremos pola rúa Sán Lázaro, Deputación, pasando por diante do Centro de Saúde, onde pararemos un rato, e dirixirémonos cara a rúa San Francisco. Despois pasaremos pola peonil Villafranca del Bierzo e Rodríguez Murias para facer unha parada de 5 minutos na Praza 8 de Marzo e baixar polo rúa Calvo Sotelo ata o Cargadoiro, onde remataremos a carón do albergue municipal onde chegan xs peregrinas. E o lema será Camiña Segura, Ribadeo en negro!! Dúas campañas entrelazadas, porque a violencia sexual no camiño, a violencia e falta de seguridade das mulleres e mozas nas rúas é unha violencia de xénero cada vez máis denunciada na nosa sociedade. Queremos que o noso Concello, sexa un sitio onde as mulleres e as mozas se sintan seguras ao ir a casa, sexa a hora que sexa, un Concello onde as peregrinas que pasen por Ribadeo e vaian soas o fagan coa seguridade de que están nun entorno seguro. Con esta andaina ou marcha queremos reivindicar e apostar por este entorno seguro e faremos todas as accións que estean da nosa man nese sentido”.
A concelleira de Igualdade engadiu que “no Cargadoiro lerase o Manifesto e será o acto final deste primeira etapa do camiño centrada en amosar a repulsa cara todas as violencias que se exercen contra as mulleres polo feito de ser mulleres. Porque queremos Ribadeo libre de violencias machistas!. Xa temos confirmada a asistencia de todos os centros educativos, aproximadamente unhas 500 persoas, e facemos un chamamento para que se una quen queira, xa que é unha convocatoria aberta ao conxunto da cidadanía”.
A edil ribadense destacou “a participación activa das persoas e dos membros que forman parte da Mesa Interinstitucional de Violencia de Xénero que temos no Concello, e sobre todo os centros educativos. A día de hoxe sumamos uns 500 participantes, nenos e nenas, rapaces e rapazas que van participar neste acto, que van falar deste tema e que se van a unir a nós neste día grazas ao traballo realizado polo profesorado, os equipos directivos e de orientación. Sinalar tamén a implicación do CIFP Porta da Auga que fai unha aportación moi especial con do material simbólico que imos utilizar. En Ribadeo somos exemplo de unión, de que non exista fisura algunha contra a violencia de xénero e que apostamos educativa e firmemente pola loita contra as violencia machistas”.