Viveiro, 14 de novembro, 2019. No pleno do pasado 12N o BNG de Viveiro, facilitou a aprobación do proxecto de orzamento de 2019 presentado polo goberno municipal co fin de evitar o risco de colapso nos servizos municipais do concello e que a situación financeira das arcas municipais fora a peor pola perda de subvencións concedidas por outras administración ao non ter aprobadas o goberno socialista as contas de 2019, así como polas previsíveis novas demandas xudiciais do persoal municipal aos que se lles adebedan atrasos salariais.
@s nacionalistas acordaron que a súa portavoz municipal se abstivera na votación para facilitar a aprobación do orzamento 2019 e a RPT-2109 do persoal municipal, por responsabilidade política, responsabilidade que debera ter tamén o Goberno do PSOE denuncian desde o BNG. Desde a organización consideran que a pesares de ser máis unha conta de gastos esgotada e de débedas múnicipais que un proxecto de orzamento, se debera facilitar a súa aprobación para facer posíbel que comecen a darse os pasos necesarios para que se regularice a situación do persoal do concello e podan exercer o seu traballo coa estabilidade e as garantías laborais recoñecidas por lei e así poder prestar servizos de calidade á veciñanza. Así mesmo, querían evitar poñer en perigo as finanzas e o traballo das persoas que desinteresadamente están a facer unha importante labor tanto no ámbito cultural, social como deportivo en Viveiro a través das entidades non lucrativas coas que se comprometeu apoiar economicamente o Goberno Municipal pero das que se olvidou ao longo do ano.
A portavoz nacionalista do Concello de Viveiro Míriam Bermúdez, afeoulle á alcaldesa que se escudase, unha vez máis, detrás do caos organizativo do persoal do concello, provocado, pola propia inacción do goberno socialista que leva ao fronte do concello máis dunha década de xeito interrompido, tal e como constatan e advirten os propios técnicos municipais nos seus informes sobre a RPT.
Desde o BNG culpan ao Goberno de Loureiro de deixar degradar os servizos municipais por non ter unha política de recursos humanos como demostra o escandaloso feito de non ser capaces de realizar até o ano 2019, algo tan básico e primordial, como unha valoración de postos de traballo do concello para analizar as necesidades de persoal de todos os servizos municipais e reorganizar e redistribuír según esas necesidades. Unha merma nos servizos que conleva consecuencias negativas no funcionamento do concello e na prestación dos servizos públicos @s veciñ@s de Viveiro, @s principais e grandes perxudicad@s e @s que padecen diariamente esta situación de desgoberno municipal, afirman @s nacionalistas.
A portavoz do BNG critica o continuo intento da alcaldesa de trasladar as súas responsabilidades aos técnicos do concello, coma sucede neste caso coa elaboración do orzamento municipal, da cal a única responsábel é a alcaldía tal e como recolle a lei; e acusa ao goberno do PSOE da total falta de vontade que tivo para aprobar o orzamento do 2019 cando marca a lei e de esperar, de xeito irresponsábel, até o mes de novembro para aprobar un orzamento municipal esgotado e caduco. Antes de rematar Bermúdez aproveitou para instar, unha vez máis, a Loureiro a dar a coñecer á veciñanza e aos membros da oposición un proxecto de orzamento para o 2020, para que así o concello poda poñerse a funcionar ao 100% desde o minuto cero do vindeiro ano.