Burela, 9 de novmebro, 2019. O Pescados Rubén Burela triunfou nun novo duelo de galegas, desta vez na pista do Ourense Envialia (1-3), para seguir no máis alto, sen erro. Baixo a batuta de Lucas, as Guerreiras toman vantaxe de 3 puntos sobre o Ourense e saen reafirmadas como equipo menos goleado fronte ao seu rival directo na categoría, que só foi capaz de perforar a rede mariñá dende os dez metros, igualando a contenda nunha primeira parte cargada de faltas, tras a iniciativa da internacional Peque. Jane, pletórica no 25, e Jenny, nun desaxuste defensivo no 29, fixéronse co derbi, ante a resposta infrutuosa de cinco das locais pola remontada.
No 7 as de Morenín xa levaban ás costas as cinco faltas e Peque adiantou as burelistas pouco despois tras contragolpe e galopada pola banda. Chegando ao ecuador Jane tivo ocasión para ampliar distancias en dobre penalti nun balón que a meta local desartellou por arriba. Pouco despois o Burela tamén se cargou de faltas e chegou a oportunidade para o Ourense, que non conseguiu igualar a contenda, cun disparo de Laura Uña que tocou no pau. Quixo sorprender Iraia a Jozi, sen éxito, e o Pescados Rubén contraatacou con moito perigo, coa 7 mariñá. De novo, as da casa dispuxeron de dobre penalti e Marta non errou, cun lanzamento axustado ao pau, restando seis minutos. As laranxas desaproveitaron de novo dende os dez metros, no 18, con Cilene nun balón que foi ao corpo de Vane. Jenny a punto estivo de sorprender sobre a rede nos últimos compases cun saque longo moi rápido de Peque.
Regresou o Ourense con tres grandes oportunidades ante Ana Romero, pero pouco se fixo esperar o control mariñán. Dany serviulle despois a Bea Mateos pero fóiselle moi alto. No minuto 25 chegou o gol da xornada, e de parte da tempada, con Jane para poñer o 1-2; a 11 laranxa recibiu un pase de Dany en media altura, controlou e fixo sombreiro a unha defensa para perforar a rede ante Vane. A brasileira tívoa de novo a escasos segundos, estrelando o esférico contra o pau. A lusa Jenny puxo a sinatura do terceiro visitante, antes da medianía do segundo acto, recibindo un pase longo de Peque, aproveitando un desaxuste defensivo ourensán, e ante unha gardameta adiantada. No 33, Dany non atopou resposta ao segundo pau, buscando a Bea Mateos. A antiga xogadora burelista Judith freou a tentativa de Dany no 35, en consonancia con Jane. Apostou entón por xogo de cinco o Envialia, con Lau Doce. Ana Romero estivo impecable ante Judith, na única chegada ourensá. O cuarto laranxa puido chegar con Jane, ante dobre parapeto de Vane e Marta na recta final, no cambio de porteira. Rematou o duelo irmandiño sen perigo local sobre os paus laranxas.
Recoñecemento dos Premios Deporte Galego 2018
O Pescados Rubén Burela FS recollerá o vindeiro 28 de novembro o premio como Mellor Equipo Feminino de Deporte Galego 2018 da Secretaría Xeral para o Deporte. Así o deu a coñecer onte a Xunta de Galicia. As Raíñas compartirán o galardón co Atlético Guardés de balonmán, nunha edición na que se recoñecen 22 premiados en 18 categorías.
Ficha técnica
Ourense Envialia FSF: Vane Barberá, Chiky, Marta, Sara Moreno, María, cinco inicial; tamén xogaron Laura Uña, Judith, Candela, Laura Doce, Iraia, Sara Santos
Pescados Rubén Burela FS: Jozi, Dany, Cilene, Jane, Bea Mateos, cinco inicial; tamén xogaron Peque, Jenny Lores, Jenny, Ale de Paz, Ana Romero
Goles: 0-1, minuto 8, Peque; 1-1, minuto 14, Marta (d.p.); 1-2, minuto 25, Jane; 1-3, minuto 29, Jenny
Árbitros: Martínez Torres // Darriba Vilamor. Por Ourense amarela para Sara Moreno (minuto 7), Chiky (minuto 10), Santos (minuto 18). Por Burela amarela a Jane (minuto 14)
Incidencias: Partido correspondente á xornada 9 de Primeira División disputado nos Remedios de Ourense