Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas afirman que “o goberno de Pedro Sánchez impulsará un novo Pacto de Toledo para garantir as pensións”

 Lugo, 4 de novembro de 2019. Ana Prieto e César Mogo, candidatos ao Congreso e ao Senado, xunto con outros membros da candidatura, mantiveron esta mañá en Lugo, unha xuntanza co colectivo de pensionistas da provincia na que presentaron as propostas do PSOE para este colectivo.
Os socialistas din que Goberno de Pedro Sánchez “impulsará un novo Pacto de Toledo que blinde as pensións na Constitución así como a actualización destas conforme ao IPC real, aumentando o poder adquisitivo das pensións mínimas e as non contributivas”.
No programa do PSOE tamén sinalan outras medidas para este colectivo, tan importante na nosa provincia. “Impulsaremos e adoptaremos as modificacións normativas, legais e regulamentarias, necesarias para garantir a efectividade do dereito á protección á saúde a través do acceso universal ao Sistema Nacional de Saúde. E traballaremos para acadar a eliminación progresiva dos copagos sanitarios empezando polos pensionistas e os fogares en situación de maior vulnerabilidade”, sinalan.
Os socialistas tamén propoñemos “a blindaxe na Constitución do Sistema Público de servizos sociais, como dereito fundamental, para consolidar o Cuarto Alicerce do Estado do Benestar, garantindo unha carteira mínima de servizos de xestión descentralizada a través do impulso dunha Lei Marco estatal de Servizos Sociais. Ademais, aprobaremos a Estratexia fronte á Soidade non Desexada, e reimpulsaremos o Consello Estatal de Maiores, promovendo todo tipo de iniciativas culturais, educativas, residenciais ou de lecer, nas que os maiores participen con persoas máis novas, complementando as actividades destinadas en exclusiva aos maiores”.
Lei de dereitos e garantías da dignidade da persoa
Mogo e Prieto aludiron á mellora do deseño do bono social “co Goberno do PSOE prohibiranse os cortes de suministros básicos de auga, luz e gas nas primeiras residencias, cando o impago sexa por motivos como a pobreza sobrevida ou ás persoas que estean padecendo unha situación de vulnerabilidade, en virtude da Directiva 2009/72/CE e 2009/73/CE. E impulsaremos unha Lei de dereitos e garantías da dignidade da persoa ante o proceso final da súa vida, así como a Lei Orgánica de Regulación da Eutanasia, e a súa inclusión na carteira común de servizos do Sistema Nacional de Saúde”.

17 meses de Goberno do PSOE
Así as cousas, e cos datos enriba da mesa, os socialistas sinalan “que na etapa do Goberno de Pedro Sánchez (17 meses) aprobáronse dúas subidas dun 1,6% para as pensións e dúas subidas dun 3% para as pensións mínimas. As pensións subiron un 3,2% e as mínimas un 6% en 17 meses”, relatan. Por citar un exemplo, actualmente un pensionista de xubilación con complemento a mínimos e con cónxuxe a cargo cobra 835,80 euros en 14 pagas. Antes de chegar Pedro Sánchez cobraba 786,90 euros. Grazas ao PSOE cobran 50 euros máis ao mes. Ademais o SMI aumentou de 735,90 euros ao mes a 900 euros, o que supón un incremento do 22,3%.

Exit mobile version