Ribadeo, 20 de novembro de 2019. O Grupo Municipal Popular de Ribadeo esíxelle ao goberno local ofrecer unha solución “inmediata” ante a falta de iluminación nas rúas da vila ribadense. “Trátase dun problema que cada vez causa máis malestar entre os veciños e veciñas”, segundo asegura a vicevoceira, Elena Sierra.
A popular critica “a pasividade do señor Suárez ante a situación de inseguridade que causa a falta total de iluminación pública en boa parte das rúas de Ribadeo. Estamos a plasmar unha realidade que se vive, día a día, en rúas coma a de Rosalía de Castro, Rafael Fernández Cardoso ou Clemente Martínez Pasarón. Unha situación que se repite en case todo o pobo”, manifesta Sierra.
Así mesmo, denuncian os populares nunha nova ocasión que “o goberno local non está á altura das necesidades dunha vila coma a nosa: unha vila turística cun sector terciario de relevancia; xa que os servizos e o comercio son importantes sectores económicos en Ribadeo”. Igualmente, sinalan que “ademais dos ribadenses que saen a pasear polas rúas, a Ribadeo achéganse outros visitantes e clientes dos comercios da vila que se están a atopar sen luz”.
“Non é de recibo esta falta de iluminación na vila”, aseguran dende o Grupo Municipal Popular que xa ten presentado tamén unha moción sobre “o penoso alumeado público co que conta unha das parroquias do rural do noso municipio”.