Viveiro, 7 de novembro de 2019. O martes 5 de novembro celebrouse unha mesa de contratación na que se propuxo a adxudicación para a execución das obras contempladas no proxecto de “Reposición do firme na pista de Sobrado-Pousadoiro a Cambela”, cun orzamento de contrata de 106.000,00€.
Coa execución deste proxecto, preténdese acometer a mellora do firme das pistas de Pedrouzos e do Camiño Vello, ambas de titularidade municipal, situadas na parroquia de San Pedro de Viveiro. Estes viais presentan un firme moi envellecido motivado polo continuo tránsito de vehículos pesados derivado da importancia que os sectores forestal e agropecuario presentan na parroquia. Por este motivo, a intervención na reposición dos firmes faise necesaria para garantir o bo tránsito circulatorio, así como o accesibilidade ás vivendas e ás zonas de explotación, tanto gandeiras como forestais.
As obras que se van realizar consisten en actuacións de mellora, mediante o reforzo do firme existente coa incorporación de novas capas máis axustadas ás características do tráfico rodado que soportan, e mantemento, tanto do firme existentes -mediante o bacheo de determinadas zonas- das marxes dos camiños -mediante a limpeza das cunetas-.
Esta obra, que se propón para a súa adxudicación por un importe de 88.923,40 €, é financiada integramente pola Deputación de Lugo dentro do Plan Provincial Único de Cooperación cos Concellos 2019.
Ademais, no día de hoxe asináronse as actas de recepción das obras incluídas nos proxectos de reposición da capa de rodadura e dotación de servizos na rúa denominada Camiño Vello-Viveiro e de ampliación da Rede de Saneamento no lugar de Toxeiras, Landrove.
As obras de dotación de saneamento, pluviais, abastecemento, alumeado público e mellora do firme entre as rúas Verxeles e a Avda Xunqueira – Estrada de Betanzos (Camiño Vello) tiñan un orzamento de contrata de 94.687,5, sendo adxudicadas por un total de 73.326 € e estando incluída no Fondo de Compensación Ambiental.
As actuacións executadas no Camiño Vello inclúen as seguintes actuacións: aumento da sección dos tubos que formaban parte da rede de evacuación de augas residuais, dotación dunha rede separariva de pluviais, dotación dunha nova rede de abastecemento de auga potable para garantir o bo servizo da instalación, canalización da instalación do alumeado público para poder liberar as fachadas do cableado grampado, así como nos cruces e intersecións de viais; e reposición do pavimento mediante a aplicación de aglomerado en quente tipo D-12.
As obras de ampliación da rede de saneamento no lugar de Toxeiras, Landrove, cun orzamento de contrata de 54.974,90 €, incluíron o levantado de pavimento e instalacións existentes na pista Toxeiras de Abaixo, na parroquia de Landrove; para a súa posterior dotación de servizos (dotación de bocas de riego, mellora da rede de abastecemento de auga e dotación da rede de saneamento) e, finalmente, reposición do pavimento actual, reforzo en zonas de rebaixe do pavimento e apertura de zanxas con capa de grava compactada e posterior apliación nunha lonxitude de 245,00 m de capa de aglomerado en quente tipo D-12 con 6 cm de espesor.
A execución desta obra, adxudicada en 45.695,14 €, serviu para repoñer o pavimento do vial referido e mellorar os servizos de abastecemento de auga e saneamento, co obxectivo de garantir a funcionalidade e mellora da calidade dos servizos urbanos existentes.
Esta actuación inclúese no Plan Único 2018 da Deputación Provincial de Lugo, que financia un total de 34.647,44 €, mentres que o Concello de Viveiro achega un total de 11.047.70 €.