Cervo, 22 de novembro, 2019. O rexedor cervense e vicepresidente primeiro da Fegamp, Alfonso Villares, participou esta mañá na Comisión Galega de Cooperación Local, que contou coa presenza do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; do vicepresidente, Alfonso Rueda; do presidente da Federación de Municipios, Alfredo García, ademais de varios conselleiros.
Na xuntanza, que tivo lugar na Cidade da Cultura, en Santiago, os presentes puxeron sobre a mesa as principais demandas e propostas do municipalismo.
Villares puxo en valor a colaboración institucional entre a Fegamp e a Xunta de Galicia “que foi clave para que moitas das reivindicacións dos concellos se puidesen materializar neste mandato”, que rematará o vindeiro 29 de novembro, cando se abrirá a oitava etapa deste organismo de representación das entidades locais.