Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE de Cervo di “NON” á subida de taxas aprobada o venres en pleno polo PP

Cervo, 16 de novembro de 2019. No pleno celebrado o venres á noite, o goberno do PP de Cervo aprobou a subida de dezasete ordenanzas fiscais.
Os socialistas manteñen que algunhas destas taxas, inflúen en certos servizos dos que se pode prescindir, pero outras moitas afectan á vida diaria dos veciños ou a xestións de imperiosa necesidade, como poden ser as taxas de recollida de lixo (suba dun 9%, amortiguada pola bonificación de SOGAMA), taxas de saneamento, taxas de servizos deportivos, licencias de obra, trámites catastrais ou incluso axuda no fogar.
Dende o Grupo Municipal Socialista afirman «que esta subida non é necesaria posto que o noso Concello vén de cerrar as súas contas con superávit e conta cun remanente duns 3 millóns de euros, por isto o lóxico sería trasladar a “suposta bonanza” os veciños e non seguilos penalizando subindo impostos».
Tamén manifestan que “neste momento estamos totalmente en contra porque consideramos que «mermará a dispoñibilidade ou o aforro das familias e afundirá aínda máis a pequenos empresarios e autónomos», e sobor de todo, porque esta subida non se traduce nin na ampliación nin na mellora dos servizos”.
E por se a xustificación fose a de encontrar a estabilidade orzamentaria e a sostibilidade financeira, dende o Grupo Municipal Socialista propónselle ó grupo de goberno do PP outras alternativas, como poden ser: recortar os salarios dos propios membros do goberno, reducir os importes pola asistencia a Xuntas de Goberno (150€ por sesión) ou prescindindo dos servizos do Asesor de Comunicación co que conta o Concello de Cervo e que se pode considerar totalmente innecesario.

Exit mobile version