Site icon Crónica3.com A Mariña

O Presidente anuncia un convenio con ASOPORCEL no 2020 para crear unha explotación de porco celta en Gayoso Castro

 Lugo, 23 de novembro de 2019. O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, anunciou este sábadoque no primeiro semestre do 2020 a entidade provincial asinará un convenio de colaboración coa Asociación de Criadores de Gando Porcino Celta –ASOPORCEL- e o Campus Terra para crear unha explotación desta raza nas instalacións da Granxa Gayoso Castro. Fíxoo ante gandeiros e representantes do sector primario durante a inauguración da III Xornada Técnica Monográfica do Porco Celta que tivo lugar hoxe no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo.

José Tomé ratificou o compromiso da Deputación con ASOPORCEL para poñer en marcha estas instalacións, que funcionarán como centro de reprodución e mellora xenética de animais, proverá aos produtores da provincia de novos exemplares e servirá tamén para a transferencia de coñecementos sobre a raza, grazas aos proxectos que desenvolva o Campus Terra e que se poñerán a disposición do sector.

Na Granxa Gayoso Castro, a Deputación leva tempo colaborando con éxito coa Universidade e cos gandeiros para impulsar o sector leiteiro. Con esta nova iniciativa, a entidade provincial estenderá este modelo de éxito tamén ao sector porcino, co fin de impulsar a cría e a comercialización do porco celta, un produto de calidade que cotiza á alza.

O Presidente puxo neste senso en valor o traballo da Asociación de Criadores de Gando Porcino Celta, que ten nas xornadas técnicas celebradas hoxe no Pazo de Feiras “só unha representación do amplo labor que desenvolve en favor do impulso e a profesionalización da cría de Porco Celta e da comercialización dos seus produtos derivados”. “Non hai tanto que esta raza quedou relegada por mor da gandería intensiva e a mecanización, que case acaban con ela. Hoxe estamos na tendencia contraria, e no auxe que está a vivir esta actividade gandeira, ten moito que ver o papel de ASOPORCEL”, destacou José Tomé.

O mandatario provincial asegurou que a recuperación do porco celta “vai aparellada á recuperación da biodiversidade, á mellora da xestión do territorio, contribuíndo á prevención de incendios, e tamén á creación de emprego e, con elo, ao asentamento da poboación no rural”. De feito, recalcou, “a demanda cada vez máis alta deste produto no mercado abre posibilidades reais á xente nova de atopar traballo e desenvolver o seu proxecto de vida no rural”.

Exit mobile version