Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Burela sinala que “o tenente de alcalde, Ramiro Fernández, queda retratado”

Burela, 2 de novembro de 2019.- O Grupo Municipal do PP de Burela considera que “unha vez máis, o tenente de alcalde, o señor Ramiro Fernández, queda retratado”. Así o aseguran en relación á falta de auga no cemiterio municipal na véspera do día de Defuntos e despois de que o socialista manifestara que o cemiterio municipal estaba en perfecto estado en contestación ás críticas cidadáns sobre as súas condicións e que consideraba que se debían a cuestións políticas.
A este respecto, dende o PP burelés sinalan que “ao día seguinte das súas declaracións atopámonos coa estampa da motobomba do Concello subministrando auga ás longas colas de veciños e veciñas que se amoreaban para tentar deixar de forma axeitada os nichos dos seus antepasados para que luciran fermosos ao día seguinte”.
Esta situación xa foi denunciada polo PP de Burela en pleno mes de agosto, pero recordan que “o traballo do equipo de goberno local socialista brilla pola súa ausencia e o problema segue sen resolverse”.
Polo tanto, dende o Grupo Municipal do PP pregúntanse “que escusa buscará esta vez o Sr. Fernández Rey e a quen culpará. Parece que o flamante concelleiro de obras esqueceu o ilustrado do noso refraneiro popular: “cóllese antes a un mentireiro…”, conclúen.

Exit mobile version