Burela, 11 de novembro de 2019.- O presidente do Partido Popular de Burela, Manuel Rouco, cualificou de disparate a decisión da Secretaría Xeral de Pesca do Goberno socialista central de autorizar desde hoxe a reapertura da pesca do bonito (atún branco do norte) en augas do océano Atlántico. A decisión é especialmente indignante tendo en conta que, na práctica, só beneficia á frota canaria.
Os populares fanse eco do malestar e da indignación xerada entre a frota lucense por unha nova decisión do Goberno Sánchez que despreza á Mariña lucense. O Executivo socialista autoriza a reapertura da pesca en pleno de mes de novembro, cando a frota está dedicada a outras labores e exclúe expresamente desta autorización ás embarcacións que participaron na costeira durante o verán.
Por se fora pouco, Manuel Rouco lembra que a frota de baixura do Cantábrico sufriu este ano “a costeira máis breve da historia”, ao pecharse o 23 de agosto, mes e medio antes do habitual, alegando daquela o esgotamento da cota. “É unha tomadura de pelo que reabran a costeira dous meses despois de impoñer á frota que deixaran de pescar cos caladoiros cheos de túnido”-explica.
Manuel Rouco lamenta a improvisación e falta de planificación coa que o Ministerio está a tomar as decisións en materia de estratexia pesqueira e avanza que desde que Sánchez está no goberno todas as decisións que adopta acaban provocando prexuízos á frota lucense.