Os concelleiros populares recordan que, en resposta á primeira iniciativa que presentaron sobre este asunto, a alcaldesa definiu esta pequena rúa como un «patio de servidume». É unha definición cando menos singular para xustificar a inacción de goberno para solucionar un problema que afecta a numerosos veciños de Viveiro, que pagan relixiosamente os seus impostos.
O PP di que o estado en que se atopa esta rúa, que vén ser algo así como unha travesía da Avenida de Cantarrana, é inaceptable. A estas alturas do século XXI non se pode admitir que nunha cidade existan espazos sometidos a tal abandono por parte do Concello. Os concelleiros populares recordan que os titulares dos garaxes privados aos que da acceso este terreo pagan vaos permanentes.
Os concelleiros populares resumen os obxectivos da súa nova iniciativa municipal: reparación inmediata do firme da rúa e inicio tamén inmediato das negociacións para formalizar a cesión, xa feita hai tempo de maneira verbal, do terreo que é na práctica unha rúa de Viveiro.