Durante a presentación desta colaboración da Deputación co piloto, por importe de 10.000€, Tomé Roca destacou a gran visibilidade que lle dá a provincia a participación de Iglesias nesta cita deportiva de proxección internacional, con mil millóns de espectadores potenciais a través da súa retransmisión nunhas 70 canles de televisión que se emiten en 190 países de todo o mundo. “Eduardo Iglesias será embaixador de Lugo Cambia, o que significa que temos por diante unha oportunidade excepcional, pois a nosa imaxe estará no foco de todos os competidores, dos equipos, dos afeccionados e dos medios de comunicación chegados de todas as partes do mundo”, sinalou o Presidente. Engadiu, ademais, que “el é o primeiro galego que nos represente no Rally Dakar na modalidade de motos, un feito que é un orgullo para toda a cidadanía”.
Nas palabras que lle dedicou, o Presidente da Deputación recalcou a importancia promocional e turística de apoiar ao piloto monfortino nun evento de proxección e recoñecido prestixio internacional coma este. “Debemos aproveitar este escenario idóneo para que se fixen en Lugo, porque temos un dos territorios máis ricos en patrimonio cultural, gastronómico e natural e temos que facerllo ver ao mundo” , explicou.
O piloto Eduardo Iglesias destacou a relevancia que ten para el que a Deputación de Lugo apoie a súa participación no campionato. “Sen apoios así non poderíamos estar en Arabia Saudita competindo, así que tentaremos volver cunha medalla desta competición que para min é un soño feito realidade”, asegurou.