Así mesmo, o popular destacou este resultado porque, “entre os concellos mariñáns nos que o Partido Popular recuperou o apoio dos votantes, o municipio de Burela foi o único onde o PSOE mantivo a porcentaxe de votantes incrementándoa nunha décima”. Polo tanto, “o bo resultado do PP en Burela débese a un incremento porcentual de máis de 6 puntos e medio con respecto aos anteriores comicios xerais”.
“Somos conscientes de que aínda existe unha importante división do voto de centro dereita en Burela” e, polo que, “cabe ser prudentes ante este bo resultado; pero, sen dúbida, é esperanzador de cara ao futuro”, manifestou Rouco. O popular fixo fincapé en que “facía máis dunha década que o PP non era a forza máis votada no colexio electoral do IES Perdouro; é dicir, na mesa única onde hai que celebrar unha nova votación este domingo 17 de novembro que dirimirá o último concelleiro en liza na corporación municipal de Burela”.
Rouco sinalou, a este respecto, o desexo da formación popular de que “se dea unha boa participación” e que, como din outros representantes políticos da vila, “a xente vote en conciencia” porque “os bureleses xa sabemos o que pode suceder cando hai certo tipo de maiorías absolutistas”. O popular continuou dicindo que “nin atraen inversións para a vila nin resolven os nosos problemas, xa sexa en solitario ou con algún tipo de preacordo de goberno oculto entre varias formacións políticas”. Ante esta situación, Rouco considera que “é fundamental un partido forte na corporación de Burela que poña o contrapunto a este tipo de situacións e que poda representar e defender os verdadeiros intereses dos bureleses”.
“Independentemente de todo o que poda suceder este fin de semana; agardamos que o esforzo e o bo traballo que está a poñer enriba da mesa o PP local sirva, co tempo, para recuperar a confianza dos veciños e veciñas de Burela na formación política que máis fixo pola nosa vila”, apuntou o popular. Deste xeito, “sería posible un cambio de tendencia que favoreza un novo rumbo de auténtico futuro para Burela”, tal e como defendeu Rouco.