Site icon Crónica3.com A Mariña

“O exército dos Clones”, por Xoán Carlos Piñeiro

Nunca pensei que ía botar en falta a Mariano Rajoy, pero si son sincero e vendo o que está acontecendo podo dicir que ogallá seguise Rajoy ao fronte da dereita española e españolista. Lembro moi ben o día en que Aitor Esteban, tres días despois da moción de censura na Coruña, mo comentaba, “se va notar la falta de Rajoy moderando a la derecha”. Rajoy coñece a realidade territorial e moderaba aos seus.
Un resentido Aznar, Rajoy pronto se separou da súa influenza, acaba de ganar comodamente ascendencia de novo na política do Estado, hoxe máis perigoso na súa postura centralista precisamente porque está movendo fíos nun grupo de novos políticos que o único que buscan, nunha escalada de testosterona, é agradar a visión de España do líder Aznar. Non escapa a ninguén que tras Vox está José María dende os inicios, Abascal foi un mantido do réxime Aguirre en Madrid, e Casado non esconde a súa afinidade ao de Valladolid, un parámetro que faltaba era a influenza en C´s pero esa é fácil, a golpe de demoscopia, quizais nesa manobra esta a resposta do abandono nos laranxas de tanto referente. A vinganza de Aznar sobre Rajoy está en marcha e ímola pagar todos, coa perda de dereitos e liberdades. Porque Rajoy era un demócrata e Aznar non, así de sinxelo.
A Asemblea de Madrid co voto de PP, C´s e VOX acaba de aprobar unha resolución “Ilegalizar partidos separatistas que atenten contra a unidade de España” comeza a aflorar o fascismo. O nacionalismo e separatismo é unha opción política recoñecida e amparada pola legalidade internacional e tamén en Europa. Precisamente dende Europa ten que vir unha contestación forte e firme a esta resolución, non me imaxino a opinión sobre España de por exemplo: Partido Nacionalista Escocés, os 9 partidos independentistas de Italia, o Sinn Fein, o Bloque Flamenco, Movemento Nacional de Liberación de Guinea Ecuatorial, Movemento de Liberación de Bioko, Bloque Québécois, o Partido dos Traballadores do Kurdistán, o Congreso Nacional Tibetano, Partido independentista Portorriqueño e un longo etc. Moitos de estes partidos hoxe gobernan os seus territorios e teñen o recoñecemento internacional de loita polos dereitos humanos e a democracia. Que opinaran no mundo de esta triste e gris resolución política dun goberno, por certo autonómico, que se nutre de sangrar as economías periféricas? Coidan que así suman xente a sentirse españois?
A resposta á definición territorial do Estado non pode ser a negación do debate, aquelas opcións políticas que buscan unha relación nova no Estado son tan lexitimas como as que queren volver ao século XIX, mais esta últimas que se dean conta de que unha enorme parte da soberanía das Nacións hoxe exércea Europa. Toca votar nas urnas para que a liberdade non se resinta, toca votar por opcións democráticas e fortes, para min despois de esta resolución C´s, PP van no mesmo taxi que VOX e o condutor é Aznar, que so busca que sexamos un exercito de clones ao servizo dun estado único sen máis nación que unha soa.

Piñeiro Docampo
Sº Xeral de CxG.

Exit mobile version