Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Viveiro fai un balance moi satisfactorio de Sportur Galicia, cun gran interese por parte dos touroperadores e do mercado luso na Semana Santa

 Viveiro, 18 de novembro de 2019. O Concello de Viveiro pechou a súa asistencia na feira Sportur Galicia “cun balance moi satisfactorio”, xa que captou o interese de numerosos touroperadores internacionais.

“Tivemos reunións de traballo con 16 touroperadores nas que mostraron moita receptividade e eloxiaron a noso potencial turístico e deportivo”, afirma Marisol Rey, concelleira de Turismo de Viveiro.

“Teño que destacar ademais o enorme interese do mercado luso pola nosa Semana Santa; en Portugal, hai moita tradición e tanto empresarios como particulares do país veciño pediron moita información na feira sobre a nosa celebración”, asegura.

Segundo datos da organización, máis de 10.000 persoas pasaron polo Congreso Ibérico de Turismo Deportivo e pola terceira edición do Salón do Deporte e Turismo Activo Sportur Galicia, en Expourense, onde o Concello de Viveiro contou cun stand propio.

“Máis de 4.500 persoas pasaron polo noso stand e na xornada do sábado xa non quedaban folletos”, apunta Rey. Viveiro informou na feira “do noso patrimonio paisaxístico, histórico ou a gastronomía, un Viveiro saudable cunha contorna natural única para practicar deportes”.

Neste mesmo mes, Viveiro foi un dos poucos concellos galegos que estivo na World Travel Market de Londres, unha das feiras de turismo máis importantes de Europa.

Exit mobile version