Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Viveiro adhírese un ano máis á campaña ‘En negro contra as violencias’

 Viveiro, 20 de novembro de 2019. O Concello de Viveiro adhírese un ano máis á campaña ‘En negro contra as violencias’ e ten programadas diferentes actividades para concienciar á veciñanza e dar visibilidade á loita contra a violencia machista.

Esta mañá, celebrouse no concello unha reunión da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero, presidida pola alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, e a subdelegada do goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, na que se explicaron aos axentes sociais e educativos as actividades previstas.

A alcaldesa e a concelleira de Cultura, Lara Fernández, presentaron tamén en rolda de prensa as actividades, entre as que destaca a ‘Marcha nocturna’ do próximo luns, 25 de novembro, con saída desde Os Castelos ás 21:00 horas e chegada á Praza Maior, onde se lerá un manifesto reivindicativo.

O concello invita a participar a toda a cidadanía nesta marcha, vestida de negro ou color oscuro e portando unha linterna. Tamén haberá un apagón simbólico do alumeado da ponte e da praza maior. Durante ese mesmo día, o 25N, está prevista unha acción de sensibilización nas rúas de Viveiro para remover conciencias e impulsar a loita contra a violencia de xénero.

Como nas dúas edicións anteriores do 25N, este ano realizouse unha invitación ás asociacións de comerciantes, tanto de Viveiro como de Covas, así como ás empresas de maior tamaño do concello e aos centros educativos para participar na campaña, realizando actividades e fomentando a iniciativa coa descarga libre do material.

Ofreceuse ademais, desde a concellería de Muller e o CIM, a coordinación entre as actividades que teñan preparadas os distintos axentes para a conmemoración. O programa inclúe a presentación do libro ‘Os Bolechas van a Viveiro. Si á Igualdade, Non á Violencia’, e o posterior reparto de exemplares entre os centros educativos do concello para que traballen a temática.

Finalmente, o martes 26 de novembro o Concello de Viveiro acollerá un acto do Observatorio da Mariña pola Igualdade, que consistirá na proxección da película ‘Todas as mulleres que coñezo’ e posterior coloquio coa súa directora, Xiana do Teixeiro (Sala Multiusos do Concello ás 20:00 horas).

A Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero constituíse en outubro de 2018 e nela están representados todos os axentes sociais que traballan en Viveiro contra a violencia de xénero.

Ademais da alcaldesa, asistiron á reunión de hoxe representantes das concellerías de Muller e Igualdade; Servizos Sociais; Policía Local; Policía Nacional; centros educativos; centro de saúde, Xulgados; oficina de emprego; partidos políticos con representación no pleno municipal, e Subdelegación do Goberno.

Exit mobile version