Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Ribadeo anuncia a convocatoria de subvencións de concorrencia competitiva para servizos socias 2019 cunha dotación económica de 18.000 euros

 Ribadeo, 30 de novembro de 2019. O Concello anuncia a convocatoria de subvencións de concorrencia competitiva para servizos sociais 2019, dentro do Plan Estratéxico de Subvencións 2018-2020. A dotación económica para este ano ascende a 18.000 euros.
A Concellaría de Servizos Sociais manterá un encontro o vindeiro luns, 2 de decembro, cos representantes que veñen solicitando estas axudas para informarlles desta nova convocatoria. A reunión terá lugar ás 12:00 horas no salón de plenos do Concello e nela participarán a concelleira Mónica Freire e o técnico responsable deste área.
Os obxectivos deste tipo de subvencións pasan por apoiar a aquelas entidades que facilitan a integración social de persoas con diversidade funcional ou en risco de exclusión social e aquelas que desenvolvan iniciativas a prol da igualdade e plena integración da muller.
Estas axudas teñen por obxecto que os destinatarios realicen actividades de asistencia e benestar social e, con carácter xeral, aquelas de interese para os veciños e veciñas do concello que representen unha mellora da súa calidade de vida ou da cohesión social das áreas citadas. O período que se terá en conta para a realización de actividades será durante o exercicio de 2019 e o tipo de gastos financiados serán estritamente gastos correntes nos que incorran os beneficiarios para o desenvolvemento das súas actividades.
Poderán solicitar estas subvencións: as entidades e asociacións sen finalidade de lucro, domiciliadas en Ribadeo, legalmente constituídas e inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións; e as persoas físicas ou colectivos para iniciativas temporais de interese cidadán sen ánimo de lucro, sempre que, en ambos casos, non teñan recoñecida subvención nominativa nos orzamentos municipais.
O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días naturais a partir do día seguinte á publicación das bases ou o seu estrato nos diarios oficiais correspondentes como o BOP de Lugo e/ou o DOG. Tomarase como data para o inicio do prazo a da última publicación que se realice, e darase conta da convocatoria de subvencións á Base de Datos Nacional de Subvencións, que a súa vez dará traslado ao diario oficial correspondente do estrato da convocatoria para a súa publicación.
No exercicio de 2018 solicitaron estas axudas catro colectivos aos que se lles concedeu un total de 11.900 euros.

Exit mobile version