Foz, 8 de novembro de 2019. O Concello de Foz súmase por primeira vez á campaña En negro contra as violencias despois de ser aprobado por unanimidade no pleno da corporación municipal. E hoxe, venres, rematan os tres días de loito oficial pola tráxica morte da veciña Minaene Franco.
A concelleira de Muller, Igualdade e Inmigración, Verónica Peña, explica que “desde o Concello de Foz tíñamos claro que íamos sumarnos a esta campaña por toda a problemática e a violencia que hai. Por desgraza esta semana en Foz levamos tres días de loito precisamente por esta problemática da violencia de xénero; e xa non é que nos toque a nós de cheo por desgraza agora senón que estamos vendo que semana tras semana, día tras día, as mulleres son agredidas e queremos que todas as mulleres saiban que no noso Concello están apoiadas, que poden vir a nós, contarnos os seus problemas e se podemos axudar imos apoialas e vanse sentir arroupadas por nós. Por iso por primeira vez,desde este Concello imos sumarnos o 25 de novembro a esta campaña e imos facer uns actos para que a xente vexa que estamos aí, que estamos loitando contra esta problemática”.
Verónica Peña engade: “cremos que a xuventude tense que decatar desta problemática, que non é soamente do resto de España e do mundo senón que aquí tamén nos toca e pode pasar en calquera momento, como se está vendo. Por iso un dos actos que imos facer é unhas charlas no instituto para os adolescentes, e que poidan facer todas as preguntas e dúbidas que teñan”.
A concelleira de Muller focense destaca que “a iniciativa foi aprobada por todos os grupos políticos da corporación municipal porque isto non ter cor política, pódenos pasar a calquera, dá igual cales sexan as opinións políticas, por desgraza calquera persoa pode sufrir esta lacra. Polo tanto agradézolles a todos os grupos políticos que se sumaran a esta convocatoria e aínda que é a primeira vez que se vai facer neste Concello esta vez todos os grupos políticos apoiaron a moción. Quero dar moitas grazas a todos, espero que todo o mundo nos apoie, vaia a todos os actos que prepararemos para este día. E calquera persoa que se sinta con algún problema ten que saber que está arroupada, que pode vir a xunto de nós e que vai estar apoiada polo Concello”.