Site icon Crónica3.com A Mariña

Fran Cajoto expresa o seu fondo malestar pola actitude da alcaldía de Mondoñedo, saltándose a lealdade institucional e falando en nome dos veciños de Foz

 Foz, 25 de novembro, 2019. Son o principal sorprendido pola noticia aparecida na prensa esta fin de semana, na que a alcaldesa de Mondoñedo pretende falar no nome dos veciños de Foz para cambiar a sede xudicial de referencia do noso concello, pasando de Viveiro a Mondoñedo. Para un problema de sobrecarga de traballo no xulgado de Viveiro, de aumento de expedientes, debe respostarse con máis persoal funcionario nos xulgados, o cal é responsabilidade da Xunta de Galicia do presidente Feijoo. Con parches ou solucións parciais, o único que se conseguiría é trasladar o problema ao xulgado de Mondoñedo, non solucionalo.
Entendo que a alcaldesa do pobo de Mondoñedo pretenda o mellor para os seus veciños e institucións, pero existe unha lealdade institucional, un respecto ao resto dos concellos e alcaldías que debe primar sempre. Non logro comprender como a máis alta dignataria dun concello pretende impulsar unha medida nun concello veciño, saltándose ao seu máximo representante e ninguneando aos seus propios compañeiros de partido que forman parte da oposición de Foz.

A distribución de xulgados e a adscrición dos concellos depende da Lei 38/1988, de 28 de decembro, de Demarcación e de Planta Xudicial, lei estatal. Concordo coa alcaldesa de Mondoñedo que o criterio xeográfico debe ser unha das prioridades na ubicación dos xulgados: o termo municipal de Foz –con máis de 10000 habitantes, máis centrado xeograficamente e moito máis preto de outros núcleos de gran poboación como Ribadeo- sería o candidato idóneo para albergar o xulgado de referencia da parte oriental da Mariña.

Esperamos tamén o contacto cos avogados promotores da medida e non nos pechamos a ningunha solución, sobre todo consultando a opinión dos veciños e colectivos de Foz, principais afectados e aos que debemos atender máis alá de opinións particulares.

Francisco Cajoto, Alcalde de Foz.

Exit mobile version