O rexedor municipal explica que “a nova condución do abastecemento de auga de Mañente (Vilaronte) é unha obra moi urxente polo estado no que se encontra a tubaxe. Ademais de roturas continuas, a condución actual de fibrocemento ten varias purgas para reducir a presión; isto implica que esteamos a perder auga depurada, que pagamos todos os focegos e que contravén as medidas de aforro e de protección medioambiental que debemos sempre poñer en valor. É por iso que se vai dispor dunha nova condución de PVC de 125 milímetros, de 10 atmosferas de presión, cunha lonxitude total de 1.700 metros e con todas as válvulas e elementos necesarios. A nova condución discorrerá polo trazado da actual, paralela á estrada da Deputación LU-P-2004, e beneficiará a veciños de Mañente e do resto de Vilaronte”.
Fran Cajoto engade que “o novo equipo de goberno decidiu priorizar esta actuación, solicitada hai varios anos pola concesionaria, e acometer as obras o antes posible. Prevese que comecen este xoves, 21 de novembro, polo que o Concello de Foz pide desculpas polas molestias que se lle poidan causar aos veciños durante o transcurso das mesmas”.