Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Burela organiza diversas actividades en torno ao 25 de novembro, Día Internacional contra a violencia de xénero

 Burela, 21 de novembro de 2019. O Concello de Burela organiza diversas actividades con motivo da conmemoración o vindeiro día 25 deste mes do Día Internacional contra a violencia de xénero.
O programa comezará o propio día 25 co acto institucional no que se dará lectura a un manifesto e no que participarán os centros educativos da localidade, asociacións do municipio e poboación en xeral. Ademais esa xornada procederase á instalación dun stand informativo contra a violencia machista, na praza do Concello, onde haberá persoal especializado en violencia de xénero que facilitará, durante todo o día, información ás persoas que decidan achegarse ata alí e tamén distribuirá material de sensibilización e prevención.
O mércores 27 de 17:00 a 18:00 horas no local da Asociación de Amas de Casa, na rúa do Río, 9, desenvolverase Igual a Nós. Actividade de Dinamización, promovida pola Secretaría Xeral de Igualdade en colaboración co Concello de Burela e a Asociación de Amas de Casa Praia da Marosa. Estará dirixida a mulleres.
O xoves 28 ás 19:30 horas no salón de conferencias terá lugar o obradoiro de dinamización lingüística e de sensibilización contra a violencia de xénero dirixido a nais e país, titulado Igual-Son Voces Violetas dentro do programa Nós contra a Violencia da Rede de Dinamización Lingüística.
O 1 de decembro ás 18:30 horas na Casa da Cultura desenvolverase unha actividade de dinamización lingüística e de sensibilización fronte á violencia de xénero a través da narración de contos tradicionais e de obras de creación contemporánea. Está dirixida a nenos e nenas e leva por título Igual- Son Contos do dereito e do revés, tamén incluído no programa Nós contra a Violencia.
Ademais durante este mes de novembro, no IES Perdouro, desenrólase a actividade Igual-Son Danza Contemporánea, dentro do programa Nós contra a Violencia dirixido ao alumnado de 1º de BAC.
Tamén terá lugar a campaña Burela en Negro coa colocación de cartelería nas instalacións municipais, promoción da campaña entre o comercio local e tecido asociativo, e reparto de material.
Por outra banda o Concello iluminará a súa fachada de cor lila, símbolo da loita contra a violencia machista.
As actividades contra as violencias xa deron comezo os pasados 18 e 19 de novembro coa celebración dun curso de autodefensa para mulleres ante situacións violentas.

Exit mobile version