Mondoñedo, a 29 de novembro de 2019. O Concello de Mondoñedo, presidido por Elena Candia, a través do Centro de Información ás Mulleres (CIM), vén de poñer en marcha a actuación O recuncho da igualdade, unha selección bibliográfica de obras dirixidas ao público infantil e xuvenil coa igualdade entre mulleres e home como temática principal.
Actualmente compoñen este Recuncho da igualdade un total de trinta e sete títulos que estarán a disposición de todas as persoas interesadas nas dependencias do CIM. Ademais, como parte desta iniciativa, foron entregados nos centros educativos do noso Concello o mesmo número de obras, repartidas en función das idades do alumnado, e que veñen a aumentar os fondos bibliográficos que sobre este tema teñen na Escola Infantil, no CEIP Álvaro Cunqueiro Mora e IES San Rosendo, complementando así as labores que levan a cabo na promoción da igualdade, toda vez que a educación é a súa base.
Esta actividade está financiada pola Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Igualdade, como unha das medidas recollidas no Pacto de Estado contra a violencia de xénero.