Estas demandas que o BNG traslada ao Parlamento en forma de emendas céntranse sobre todo na sanidade, nos saneamentos, as estacións depuradoras de augas residuais, nos abastecementos, nas infraestruturas, viarias, industriais, e portuarias, o solo industrial e tamén en temas de benestar coma centros de día ou escolas infantís, sen esquecer o medio ambiente, os espazos naturais e o medio rural.
Sanidade
As emendas neste eido céntranse na atención primaria, pilar básico do sistema sanitario e nesta comarca os centros de saúde veñen sufrindo continuos recortes que se manifestan en falla de medios materiais e humanos. Desde a perda de prazas médicas en diversos centros de saúde ata a non cobertura de prazas de xeito definitivo noutros concellos.
Por non falar da infradotación de fisioterapeutas na comarca, tanto no hospital como en primaria e infrautilización dos espazos que hai para fisioterapia.
Mención aparte merece o servizo de pediatría: deficiente en prazas e cobertura. Prazas de pediatría saturadas que acumulan meses de retraso nas consultas, como en Foz, prazas vacantes cada pouco tempo en Burela ou outras cubertas por persoal médico sen especialidade pediátrica e conxugando semanalmente a atención en varios centros de saúde como en Lourenzá, Mondoñedo e Barreiros.
Apoio ás enfermeiras en loita
No ámbito da sanidade, tanto a parlamentaria Olalla Rodil como Ana Ermida, responsable comarcal do Bng saíron ao paso das afirmacións feitas por directivos do Sergas nas que aseguraban que aumenta o número de médicxs e enfermeirxs na provincia, “cando a realidade é totalmente distinta a como nola contan”, afirman as nacionalistas, que puxeron como exemplo “a situación que está a sufrir o servizo de enfermería no hospital de Burela, onde se produce un abuso descarado nas condicións laborais das enfermeiras, e sen que se cubran as prazas que hai realmente”, e nese sentido manifestaron unha vez mais o apoio do Bng ás enfermeiras en loita.
Os nacionalistas demandan tamén a reducción das listas de espera así como o segundo técnico sanitario para a ambulancia medicalizada da Mariña.
Saneamentos
En canto a esta importante e necesaria infraestrutura, nunha comarca costeira coma A Mariña, o BNG fai fincapé no saneamento no concello de Ribadeo, empezado pola Xunta e non rematado, e no concello de Barreiros, donde toda a zona costeira, ademais do interior, sigue prácticamente na totalidade sen rede de saneamento adecuada e con unha depuradora obsoleta e que non funciona, o que xenera graves problemas medioambientais e de salubridade, producíndose verquidos ás praias, e tendo que acotar o concello espazos de praia para, temporalmente, prohibir o baño.
Outra demanda neste ámbito é a construcción dunha nova EDAR en Burela, posto que a actual está saturada e xera serios problemas medioambientais e a cantidade que a Xunta consigna para 2020 é a todas luces insuficiente.
Abastecementos de auga
Son moitos os concellos mariñaos que non teñen garantido aínda e en óptimas condicións o abastecemento de auga potable, como poden ser os casos de Cervo e Burela que siguen agardando polo dragado do encoro de Rúa, obra prometida como compensación pola segregación dos dous concellos hai mais de dúas décadas.
Demandan tamén os nacionalistas a renovación da acometida de auga desde Vilarbetote (Trabada) ata Ribadeo, que tén 40 anos e que abastece parroquias de Trabada e é o subministro principal do concello de Ribadeo.
Medio Ambiente e Medio Rural
A limpeza, rexeneración e posta en valor do Río Masma é outra das demandas ás que nunca se lle deu solución e que o Bng sigue reclamando, con vista á súa utilización como medio dun modelo de desenvolvemento turístico, pesqueiro, social e económico.
Reclámanse tamén obras necesarias en infraestruturas rurais colectivas indispensables para os terreos reestruturados na concentración parcelaria. Obras prometidas pero nunca executadas.
Enerxía
A importancia da enerxía para A Mariña é vital, tanto para unha empresa electrointensiva como é a factoría de aluminio de San Cibrao, coma para todo o tecido industrial mariñao, por eso o Bng demanda da Xunta un estudo para unha tarifa industrial estable con especial atención ás consumidoras electrointensivas. E demanda tamén un programa de creación dunha Empresa Pública Galega para o sector enerxético.
Infraestruturas viarias, industriais e portuarias
A VAP Costa Norte San Cibrao-Ferrol que a propia xunta anunciara a súa finalización para 2017, sigue agardando, cun único tramo de 7km na Mariña, polo tanto o seu remate é unha prioridade para o Bng.
Demandan tamén os nacionalistas un proxecto de trazado de ampliación da estrada LU-161 Valadouro-Ourol-Viveiro.
Desde Foz proponen a dragaxe da canle da entrada ao Porto de Foz e así mesmo a redacción do proxecto de dragaxe do peirao de Tupide e a reforma da bocana do peirao.
E outra das vellas demandas e nas que a Xunta ata o de agora non se implicou é a construción do Polígono Industrial de Alfoz-Valadouro, infraestrutura para a que se demanda unha primeira inversión para o exercicio 2020.
O Bng contempla tamén o proxecto do tren galego de cercanías (GALTRÉN), no que habería que adecuar a ese fin a rede de Feve na Mariña e Ortegal.
Benestar Social
A ampliación da Escola Infantil A Galiña Azul en Foz, e a construcción dun centro de día no Valadouro completan a relación de demandas que os nacionalistas consideran básicas e moi necesarias para A Mariña.