Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Viveiro presenta unha moción para un plan de pagos personalizados de impostos municipais

Viveiro, 7 de novembro, 2019. O artigo 9.1 do Real Decreto Lexislativo 2/2004 de 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais no que se regulan os Beneficios Fiscais, réxime e compensación, recolle que se poderán recoñecer os beneficios fiscais que as entidades locais estabelezan nas súas ordenanzas fiscais nos supostos expresamente previstos pola lei. Podendo estabelecer unha bonificación de até o 5% da cota a favor dos suxeitos pasivos que domicilien as súas débedas de vencemento periódico nunha entidade financeira, anticipen pagos ou realicen actuacións que impliquen colaboración na recadación de ingresos.

Polo que o BNG viveirense presenta unha nova moción para a posta en marcha dun Plan Tributario Personalizado, no que se estabeleza unha bonificación na cota íntegra dos impostos ao que poderán adherirse de xeito voluntario as veciñas/os que así o desexen. Conseguiría un impacto positivo tanto sobre a Facenda Municipal, que contaría con maior liquidez sen recorrer a vía do financiamento externo ou a créditos o que suporía o pago de intereses, como sobre os/as contribuíntes, ao ver reducida a contía final que ten que ingresar en concepto de débeda tributaria como pola flexibilidade de pago das súas obrigas tributarias.

Polo que o grupo municipal do BNG solicita ao pleno da corporación de Viveiro a adopción do seguinte ACORDO:

1.Aprobar o deseño e posta en marcha dun Plan de Pago Personalizado de impostos municipais que poña a disposición d@s contribuíntes de Viveiro un sistema de pagos, mediante adeudo bancario, máis flexíbel que lles permita efectuar ingresos periódicos, a conta da súa débeda anual estimada correspondente aos impostos e taxas municipais de carácter periódico que desexe incluír no Plan de Pagos, sen ningún tipo de interese e cunha bonificación do 3% sobre a cota tributaria, podendo elixir entre pagos mensuais, bimestrais, trimestrais, semestrais ou anual.

2.O Plan de Pago, que deberá estar aprobado no prazo máximo de tres meses e recollido nunha ordenanza xeral de recadación incluirá os tributos de carácter periódico de maior importancia económica para o contribuínte, tanto persoas físicas como xurídicas, ficando acollidos ao plan os seguintes impostos e taxas: IBI, IAE, IVTM, taxa pola prestación do servizo de recollida de lixo e RSU de locais ou estabelecementos onde se exerzan actividades industriais, comerciais, profesionais, artísticas ou de servizos e taxa pola entrada de vehículos a través de beirarrúas e reserva de espazo, taxas de abastecemento de augas, taxas de saneamento e depuración augas residuais e taxas por ocupación de terreos de uso público.

Exit mobile version