Burela, 12 de novembro, 2019. Despois de tantos meses agardando a que o Concello se poña a funcionar este domingo trala repetición eleitoral o BNG agarda facer valer Burela e dotar dunha alternativa política á veciñanza. “O qué nos chega dende a rúa son gañas de dar un cambio político que transforme Burela despois de catro anos perdidos e a parálise destes meses. Os veciños e as veciñas non poden mais porque as propias rúas non están en condicións. Nos orzamentos deste Concello o gasto en servizos básicos afoga a inversión pero logo a calidade dos mesmos é deficiente, xa sexa en limpeza viaria, xestión de residuos, abastecemento e saneamiento de aguas e, como vemos nos últimos días, no alumeado” sinalou o voceiro do BNG Mario Pillado.
“Houbo moitas promesas por parte do goberno socialista sen cumprir. Falouse moito da humanización de espazos pero todo quedou en propaganda e agora mesmo a vila non é cómoda para a vida das persoas nin a nivel de urbanismo nin de limpeza. Agora apúranse moito en colocalo alumeado de Nadal e en facer contratacións no concello, con motivos electoralistas e moi pouco éticos” denunciou o voceiro nacionalista.
“So cunha representación decisiva do BNG se van concretar as promesas en feitos para o interese da veciñanza e se poderá sacar adiante un proxecto a longo prazo para Burela” indicó Mario Pillado.
No BNG non ven extrapolable o resultado das xerais ó que aconteza este próximo domingo
Nas eleccións deste pasado 10 de Novembro o BNG sumou apoios coma no resto da comarca e do país. “Aínda que somos a forza que mais aumentou o seu respaldo, con 147 votos mais, nun contexto de baixada da participación e co resto da teórica esquerda perdendo votantes mentres os sumaba a dereita, creemos que obter conclusións de cara ó domingo é un erro. É moi tentador mirar os datos e facer os cálculos pertinentes, como se os resultados nesa mesa foran unha enquisa para o día 17, pero non é real porque nin se presentan aas mesmas candidaturas nin o censo se comporta igual en clave xeral ca en clave local” analizou Pillado.
O voceiro do BNG rematou destacando que “agardamos cordura e sentido común entre os grupos políticos, posto que confiamos en que a veciñanza vai responder ben nesta definitiva cita eleitoral”.