Ribadeo, 28 de novembro de 2019. O alcalde, Fernando Suárez, cualifica de surrealistas, esaxeradas e que raian a paranoia as declaracións realizadas polo voceiro do PP no Concello sobre as vivendas sociais que a Xunta promoveu en Ribadeo. Suárez Barcia subliña que os populares remóntanse a todas as promocións realizadas na vila nos últimos trinta anos. O rexedor tilda de delirantes e de falta de rigor esas palabras. Para o alcalde ribadense esas reaccións prodúcense despois de que o Concello concedese licenza á promoción de vivendas de aluguer que se vai realizar na avenida Rafael Fernández Cardoso.
Fernando Suárez declarou que “non deixa de sorprendernos a escalada de declaracións que ultimamente fai o PP de Ribadeo, especialmente a través do seu voceiro, cada día máis surrealistas, eu diría que cada día máis raiando coa paranoia, porque agora di que a Xunta promove nin máis nin menos que 191 vivendas sociais, a disposición dos veciños tanto en compra como en aluguer, e para iso está sumando as promocións de vivendas feitas nos últimos trinta anos en Ribadeo”.
O rexedor lembrou que “hai trinta anos se fixeron as vivendas no parque, hai outras oitenta vivendas que se fixeron hai vinte anos na avenida Rafael Fernández Cardoso, outras na mesma avenida construídas no goberno bipartito da Xunta hai dez anos, e todo isto estano atribuíndo como mérito a día de hoxe”.
O alcalde de Ribadeo supón que “é para meter baza pola nova promoción de vivenda de aluguer á que a xunta de goberno deu licenza de obra hai uns días e que se vai facer agora en Ribadeo nos próximos meses, onde o Concello pelexou e animou a que se recuperara o esqueleto dese edificio que estaba sen uso desde hai varios anos, e estaba sen remate ningún, e onde a Xunta en todo este proceso, nin máis nin menos que pon o 1%, é dicir 27.000 euros, o Estado pon o 35%, 954.000 euros, e o resto pono o promotor loxicamente. Polo tanto, se somos honestos e hai que selo, a porcentaxe maior de axuda pública está poñéndoa o Ministerio de Fomento do Estado e non a Xunta”.
Suárez Barcia cre que “estas declaracións que están facendo esta xente, a parte de ser delirantes de todo, evidencian a falta de rigor e a incapacidade para plantexar cuestións serias para este concello. Porque xa vemos nestes últimos tempos en que se preocupa a Xunta do PP e máis os seus aplaudidores profesionais, que sempre están aplaudindo e agradecendo todas cantas pipas nos poden traer aquí. No de sempre, en dar catro camisetas rotuladas a varios clubs co logo do Xacobeo, que sei que aí hai moitos cartos, hai cartos a esportas para o próximo Xacobeo 21, outras veces tamén dan moitas camisetas co logo da normalización lingüística do galego, que aí si que gastan os cartos, e pouca cousa máis, moito pincheo, moito aparentar e pouco máis”.
O rexedor considera que “o que ten que facer esta xente do PP é apremiar ao goberno galego para que se centre en cuestións de verdade, en cuestións de inversión, e aí desgraciadamente nunca están. Só están para a esaxeración, para a hiperactuación, para a paranoia e para o delirio. Penso que o que teñen que facer é unha seria reflexión do seu proxecto. Nós desde logo, desde o goberno municipal, vendo isto cada día nos animamos máis a seguir loitando e a seguir traballando, con acertos e con erros, pero de maneira total e entregada a Ribadeo, para facer un Ribadeo mellor día a día e librarnos destas paranoias desta xente”.