Ribadeo, 14 de novembro de 2019. O alcalde, Fernando Suárez, cualifica de correcta a solución transitoria de trasladar o xulgado de paz para un inmoble situado ao pé da vella oficina de turismo. Trátase dun local propiedade da Xunta de Galicia. O xulgado de paz estará aí situado ata que o Concello reciba de Paisajes de Asturias un local rehabilitado na praza de Abaixo, procedente da permuta realizada coa Torre dos Moreno, que será dentro duns dous anos.
O rexedor ribadense manifestou que “pola parte do Concello de Ribadeo nos parece correcta esta solución transitoria que, dalgún xeito, ven ser a resposta ás nosas suxestións desde hai tempo, dada a situación que desde hai varios anos non puidemos chegar a un acordo coa Xunta de Galicia para amañar dunha maneira digna o actual xulgado de paz”.
Fernando Suárez lembrou que “o presuposto son 180.000 euros e a Xunta non quixo máis que aportar unha cantidade moi pequena, de 24.000 euros, polo tanto o resto para o Concello era unha cifra moi elevada tendo en conta que son funcionarios da Xunta de Galicia os traballadores”.
O alcalde explicou que “o Concello lle buscou unha solución a esta situación con esta rehabilitación a futuro, dentro de dous anos, que por mor da permuta que fixemos da propiedade da Torre dos Moreno con Paisajes de Asturias, pois agora esta última empresa tenos que entregar rehabilitado un inmoble, na propia Praza de Abaixo, que nosoutros queremos destinar a xulgado de paz. Pero evidentemente iso será cando ese inmoble estea rehabilitado, dentro dun par de anos”.
Suárez Barcia considera que “mentres tanto o certo é que a situación dos xulgados de paz é moi mala, a accesibilidade é moi mala e as condicións de traballo para os funcionarios da Xunta é moi mala tamén. De aí que este baixo que está ocioso, que é da Xunta, que está ao pé dos taxis, ao pé da oficina de turismo vella, e que é moi céntrico e moi accesible, e cunhas pequenas obras de mellora pode perfectamente, durante este tempo, servir de xulgado de paz cómodo e accesible para toda a cidadanía”.
O rexedor dixo: “alégrome que, dunha vez por todas, empecemos a construír cousas firmes e a facer cousas polo ben dos veciños e das veciñas deste concello”.