Site icon Crónica3.com A Mariña

“Nunca un Goberno fixo tanto dano á Mariña coma o de Pedro Sánchez” aseguran os populares en Burela

 Burela, 7 de novembro, 2019. “Nunca un Goberno de España fixo tanto dano á Mariña coma o de Pedro Sánchez”, segundo defenderon os populares nun mitin en Burela no que participou a presidenta provincial do Partido Popular, Elena Candia; a conselleira de Educación, Carmen Pomar; o candidato do PP á alcaldía de Burela, Manuel Rouco; e a integrante da candidatura ao Congreso e tamén ás eleccións municipais, Yovana Oroza.
Os populares amosaron en Burela a súa preocupación polos problemas que afectan ao emprego de miles de familias da Mariña como é o caso da ameaza de peche de Ence co conseguinte prexuízo para o sector forestal da comarca e tamén do posible peche de Alcoa ante a falta de propostas por parte do Goberno de Pedro Sánchez para garantir o futuro da planta de San Cibrao. Nese sentido, apuntaron que Pablo Casado se comprometeu coa industria galega e, máis concretamente, a aprobar o estatuto para o consumidor electrointensivo se o Partido Popular gaña as eleccións xerais do vindeiro domingo 10 de novembro.
A preocupación sobre a incerteza do futuro da factoría que xera arredor de 8.000 postos de traballo na comarca da Mariña esténdese tamén ao goberno galego que lidera o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo. Así, o executivo autonómico tomou a iniciativa e, “de acordo co comité de empresa e os traballadores, puxo sobre a mesa medidas concretas dirixidas a abaratar o prezo da electricidade que permita a Alcoa competir en igualdade de condicións co resto de Europa”. A este respecto, sinalaron tamén que “as medidas propostas por Sánchez son insuficientes e, o que é peor, non responderon á proposta de estatuto elaborado pola Xunta” entre outras propostas do goberno galego.
Así mesmo, os populares afearon que “dende o comité de empresa sigan esperando a que a ministra de Industria os convoque á mesa industrial que prometera durante a súa visita a San Cibrao” o que consideran “outra mostra máis do abandono da nosa provincia por parte do Goberno socialista que desprezaba xa aos lucenses coa súa proposta de Presupuestos Generales cos que pretendía reducir as partidas dirixidas a inversións con respecto ás plantexadas polo Goberno anterior do Partido Popular. Entre outras, reducía nun 98% as destinadas ás obras da autovía da Mariña, a A-74”.
Unir o voto de centro dereita na papeleta do PP, “única garantía para el cambio”
Durante a súa intervención, a presidenta provincial do PP, Elena Candia, quixo deixar claro que “a división do voto de centro dereita só favorece ao PSOE”. Ademais, “hai forzas políticas que se amparan no patriotismo para pedir o voto; pero o verdadeiramente patriótico é sacar a Pedro Sánchez da Moncloa”. E para iso, apelou a unir o voto na papeleta do Partido Popular como única garantía para o cambio no Goberno de España e, máis especialmente na nosa provincia onde os votos a partidos coma Vox ou Ciudadanos non teñen posibilidade de obter representación.

O paro aumenta ante “o silencio de Sánchez”
Para os populares lucenses é necesario apoiar un Goberno do PP, “comprometido coa nosa industria e co mantemento do emprego dos nosos veciños”; fronte a un PSOE que “ademais de non aportar solucións, está destruíndo emprego. É moi significativo que ante os dous maiores retos actuais para o Goberno –Cataluña e o paro-, Sánchez garde silencio”. Os últimos datos que coñecemos sobre o paro sinalan que, no conxunto do país, ascendeu en preto de 98.000 persoas no pasado mes de outubro ata alcanzar “a peor cifra dende o ano 2012. E o peor é que o señor Sánchez non é capaz de recoñecer a evidencia da recesión económica no noso país e, cada vez, recórdanos máis a Rodríguez Zapatero que no seu día negaba a crise na que se somerxeu España entre os anos 2008 e 2011 á que tivo que poñer remedio un Goberno do PP”, recordaron.
Ante as altas cifras que alcanzou o paro no pasado mes de outubro na comarca da Mariña -con máis de 3.400 persoas en situación de desemprego, un 23% máis que fai dous meses-; dende o PP de Lugo defenderon o proxecto liderado por Pablo Casado que “ten a firme vontade de dar estabilidade ao sector industrial que é tan importante para a nosa comarca”. E sinalaron ao goberno galego liderado por Feijóo como “claro exemplo de estabilidade, a mesma que queremos para España e que solo está garantida cun Goberno do Partido Popular”.
A máxima dirixente do Partido Popular na provincia, Elena Candia, sinalou ao Partido Popular como “o único capaz de xerar emprego como ten demostrado xa noutras ocasións e en contextos de dificultades”. Máis concretamente o programa electoral do Partido Popular recolle medidas coma a ampliación da tarifa plana para autónomos ou a axilización dos trámites á hora de constituír unha empresa e tamén para a súa xestión diaria; ademais doutras propostas que contribuirían á reactivación da económica coma a rebaixa de impostos ou o apoio ao medio rural impulsado a dixitalización e combatendo o despoboamento”.
7 de cada 10 euros do orzamento galego para 2020, para políticas sociais de educación, sanidade e coberturas sociais
Pola súa banda, Carmen Pomar destacou durante a súa intervención o compromiso do Goberno da Xunta de Galicia coas políticas sociais, que queda de manifesto no feito de que “no medio dunha España paralizada sen novos orzamentos á vista, Galicia contará para 2020 cuns orzamentos nos que 7 de cada 10 euros van destinados a políticas sociais de educación, sanidade e coberturas sociais”.
Así mesmo, denunciou o total descoñecemento que os outros partidos demostran nos seus programas electorais ao falar de educación, propoñendo iniciativas en desenvolvemento ou xa superadas no sistema educativo galego. Así, recordou que Galicia é unha das Comunidades Autónomas coa taxa de abandono educativo temperá máis baixa, grazas ao traballo desenvolvido nestes últimos 10 anos e que o 75% dos centros educativos galegos participan en programas de mellora de linguas estranxeiras.
Ademais, fronte á proposta de implantar a educación inclusiva na escola ordinaria, Carmen Pomar salientou que “chegan bastante tarde tamén, porque despois dunha forte aposta nos últimos tempos, tanto en formación como en medios persoais e materiais, Galicia é a comunidade autónoma co sistema educativo máis inclusivo de España”.
Polo tanto, as propostas de PSOE, Ciudadanos e Podemos non teñen, segundo indicou Pomar “nada novo que ofrecer e, ou o resto de partidos non saben o que pasa en Galicia, ou directamente somos o seu exemplo a seguir, o cal me reconforta. Sinto non poder facer ningunha análise do programa de Vox, pero a educación non é a súa prioridade e non contan con ningunha medida no seu programa para a mellora do sistema educativo”.

Rouco cre que “o PSOE en Burela bótase nas mans dos nacionalistas igual que o fai Pedro Sánchez”
O candidato do PP á alcaldía, Manuel Rouco, fixo unha similitude entre o goberno local e o Goberno de España ao asegurar que “Llano e o seu equipo tamén se botan nas mans dos nacionalistas para formar goberno”. E, ademais, criticou que “os nacionalistas non se postulan para gobernar cando matematicamente terían posibilidades, pero si o fan cando non lles dan as contas”. É dicir, neste caso, “sérvenlles de muleta aos socialistas e póstranse ante eles”.
O candidato e actual voceiro da formación popular no municipio sinalou que “a división do voto de centro dereita é prexudicial para a conformación de gobernos sólidos e estables tal e como se demostrou tanto nas pasadas eleccións xerais coma nas municipais do 26 de maio que non beneficiou ao Partido Popular aquí en Burela e que, ademais, non serviu para nada para ningún dos outros partidos”.
Sobre a xestión do actual goberno local, ata agora en funcións, Rouco criticou o que considera “a incapacidade do equipo socialista para resolver algunha das cuestións máis urxentes que afectan a Burela”. Concretamente, sinalou que “o alcalde e o seu executivo non asinaron a declaración institucional en defensa de Alcoa e o emprego da planta que rubricaron por consenso os distintos Grupos na Deputación e no Parlamento de Galicia”.

Exit mobile version