Mondoñedo, a 22 de novembro de 2019. Un ano máis o Concello de Mondoñedo, a través do Centro de Información ás Mulleres, conmemora o Día Internacional contra a Violencia de Xénero por medio de actividades e actos institucionais para visibilizar e loitar contra a lacra que é a violencia contra a muller, máxima expresión da desigualdade de xénero.
Así, os actos centrais terán lugar o SÁBADO 23 DE NOVEMBRO, de 11:30 a
13:30 horas. Optouse por trasladar esta conmemoración ao sábado anterior ao 25 de novembro para facilitar a participación da cidadanía. Durante ese tempo instalarase un punto informativo na Praza do Concello, onde se repartirá material relacionado coa temática e se imporá o lazo morado. Estes materiais son tanto de edición propia do Concello como facilitado pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia. Ás 13 horas terá lugar a lectura do manifesto contra a violencia de xénero, que este ano correrá a cargo de Beatriz Meilán Rego, Concelleira de Igualdade do Concello de Mondoñedo. A continuación gardarase un minuto de silencio e farase unha solta de globos en recordo das vítimas de violencia de xénero. Como novidade a destacar, este ano utilizaranse globos biodegradables, a
fin de que esta actividade xere o mínimo impacto posible no medio ambiente.
Durante o acto insititucional, así como durante todo o mes de novembro, as persoas que o desexen poderán deixar as súas mensaxes na caixa instalada a tal efecto na entrada da Casa do Concello. Ao finalizar o mes, estas mensaxes serán publicados en redes sociais coas etiquetas #MondoñedodiNON e #25N2019. As persoas interesadas tamén poden publicar directamente as súas mensaxes nas redes coas mesmas etiquetas e mencionando ao CIM.
Como é costume no Concello de Mondoñedo, as actividades contra a violencia de xénero non se centran nun único día, se non que se estenden ao longo do mes de novembro. Así, realizáronse as seguintes actividades:
– 27 de outubro e 16 de novembro, representación das obras de teatro “Rosa
Caramelo” e “O rueiro das liortas”, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística como membros da Rede de Dinamización Lingüística. Ambas obras teñen como eixo central do seu argumento a igualdade entre homes e mulleres e a loita contra violencia de xénero.
– do 5 ao 8 de novembro, curso de defensa persoal e autoprotección para mulleres, en colaboración con AGADER e a Asociación GDR-1 Terras de Miranda. Un curso realizado no Pazo de Santomé cunha grande acollida polas mulleres participantes e un alto nivel de satisfacción trala súa realización.
– 18 de novembro, reunión da Mesa Local de Coordinación contra a violencia de xénero, coa presencia da Secretaria Xeral de Igualdade, dona Susana López Abella. Sendo a educación desde idades temperás a base da igualdade entre mulleres e homes, este ano lévanse a cabo dúas actividades formativas nos centros educativos: unha terá lugar o 29 de novembro no CEIP Álvaro Cunqueiro e consistirá nun obradoiro de coeducación dirixido ao alumnado de 5º e 6º de Primaria, e a outra tivo lugar no IES San Rosendo durante o mes de novembro consistindo en obradoiros de igualdade destinados a romper cos
estereotipos de xénero. Ademais, tanto nestes centros, coma na Escola Infantil coma nas dependencias do Centro de Información á Muller, instalarase “O recuncho da Igualdade”, un lugar onde se poderán atopar unha serie de obras literarias coa igualdade como temática principal e dirixidas a todas as idades.