Foz, 20 de novembro, 2019. A Asociación Socio Cultural A Pomba do Arco vai organizar o 26, 27 e 28 de novembro unha nova edición da Festa Palabra, encontro literario musical arredor da poesía, que tenta achegar a creación literaria ao grande público e de xeito moi particular unha linguaxe minorizada como é a linguaxe poética. A Festa da Palabra, recuperada felizmente vai para catro anos, após unha paréntese de catorce anos, celebrarase na salón de actos do CENIMA de Foz, comezando os concertos e as exposicións ás 20:30.
Os actos arrancan o martes 26 de novembro ás 20:30 no salón de exposicións do CENIMA de Foz cun recital a cargo do escritores Eduardo Estevez. O primeiro é unha dos poetas máis recoñecidos da poesía galega cunha abondosa bibliografía que arranca de medianos da década dos noventa e que lle valeu un importante número de galardóns e un espazo senlleiro entre as voces da xeración dos noventa. Autor de poemarios como entrar na casa, de baleas, lúa gris, nos dentro ou sen fin, destaca tamén como promotor de diversas iniciativas editoriais así como na promoción de recitais ou encontros poéticos.
O mércores 27 de novembro ás 20:30 no salón de exposicións do CENIMA de Foz recitará os seus versos a poeta Estibaliz Espinosa, unha das voces novas máis recoñecidas da poesía galega. Autora dunha longa traxectoria literaria iniciada en 199 con Mecánica celeste, deu ao prelo títulos como Pan (libro de ler e desler),Orama,Número e, Zoommm. Textos biónicos, Curiosidades, Caer de cu polo universo. A carón da súa obra individual ten colaborado cos seu poemas en ducias de publicacións colectivas, estando considerada como unha das principais voces poéticas da coñecida como xeración dos noventa.Ao tempo mereceu algúns dos máis importantes galardóns literarios da nosa poesía como o Premio Esquío, o Espiral Maior, o Díaz Xácome, A fundación ou da Gala do libro na categoría de poesía.
O actos fecharanse o xoves 38 de novembro ás 20:30 no salón de exposicións do CENIMA de Foz co recital doutro dos autores consagrados da nosa literatura como é Manuel Darriba. Nado en Sarria en 1973, licenciado en xornalismo pola Universidade Complutense de Madrid, desenvolveuse como xornalista en diversos medios de prensa, centrando actualmente a súa actividade no campo do guionismo. É autor dunha ampla obra literaria no ámbito da narrativa, con titulo como Experimentos coa mentira, Branco, O bosque é grande e profundo, Elefante, e tamén no da poesía, sinalándose nestes últimos Calor, Vostede non sabe con quen está a falar, Os indios deixaron os verdes prados ou Santa morte. Manuel Darriba recibiu diversos premios literarios, destacando os premios de poesía Espiral Maior e González Garcés.