“Somos a opción preferida polos lucenses”, determinou a presidenta do PP provincial ao facer balance dos resultados dos últimos comicios incidindo en que “o Partido Popular foi a forza política máis votada con 67.942 sufraxios, o que representa o 38,13%. É dicir, a lista do PP ao Congreso superou en 6,2 puntos porcentuais á segunda candidatura máis votada, a do PSOE, que recibía 56.892 apoios, 11.050 votos menos que a dos populares”.
Candia destacou tamén o incremento en 4,5 puntos do apoio recibido polos populares nas urnas con respecto ás eleccións de abril. “En sete meses sumamos 751 votos máis”, apuntou. “Con estes datos podemos dicir que o PP medra en Lugo por riba da media galega e española”, engadiu.
Así mesmo, recordou a presidenta do PP da provincia que “o Partido Popular foi a forza máis votada en 51 dos 67 concellos lucenses –o 76%-, mentres que o PSOE tan só logrou situarse como primeira forza en 16 municipios”. E isto supuxo que “o Partido Popular gañou en 20 concellos onde hoxe non ocupa a alcaldía: Burela, Barreiros, Ribadeo, Trabada, Lourenzá, O Valadouro, Muras, Xermade, Vilalba, A Pastoriza, Rábade, Meira, Guitiriz, Becerreá, O Páramo, Monterroso, Sarria, Samos, Pobra do Brollón. E, logrou adiantar ao PSOE en 9 concellos onde os socialistas foron a forza máis votada no mes de abril: Cervo, Burela, O Valadouro, Lourenzá, Ribadeo, Trabada, Rábade, Láncara e Sarria”.
Con respecto ao Senado, Elena Candia tamén sinalou que o PP obtivo 3 senadores incrementando o seu respaldo con respecto aos anteriores comicios: José Manuel Barreiro -que foi o senador máis votado da provincia, na cidade de Lugo e o 3ª senador do Partido Popular en España con máis porcentaxe de voto ao alcanzar un 39,70% dos sufraxios-, Rosa Arza –que logrou o 39,59% dos votos- e Manuel Lorenzo Varela –que contou co apoio do 37,49% dos votantes-.
A máxima dirixente dos populares na provincia de Lugo agradeceu o apoio dos votantes que fixo posible que Lugo conte con tres representantes do PP no Senado e dous deputados no Congreso –Jaime De Olano e Joaquín García Díez-; pero tampouco quixo esquecer o traballo e a colaboración dos interventores e apoderados no día da xornada electoral.
O Camiño de Santiago: cultura, patrimonio, economía e turismo
O Partido Popular aproveitou a xuntanza para reivindicar a Lugo como a provincia do Camiño de Santiago. De feito, o conselleiro de Cultura e Turismo indicou que “o número de peregrinos rexistrados a 31 de outubro deste ano son preto de 218.000 (183.077 fixeron o Camiño Francés; 18.454 o Norte; 15.492 o Primitivo; e 923 o de Inverno)”. Polo tanto, estes datos levaron a Elena Candia a concluír que “estamos diante dun dos potenciais máis destacados da nosa provincia e que temos que ser capaces de saber aproveitar. O Camiño é cultura, é patrimonio, é economía, é coñecemento, é turismo e tamén un elemento social; de aí que estea hoxe aquí o conselleiro para dar conta dos proxectos que a Xunta de Galicia levará a cabo na provincia neste senso”, destacou.
Roman Rodríguez explicou así as principais medidas e proxectos que se están a levar a cabo ou están proxectados dende o seu departamento para por en valor e impulsar aínda máis se cabe as rutas xacobeas, ao seu paso por Lugo. Indicou así que, proximamente, publicarase a segunda convocatoria de O Teu Xacobeo. Esta será unha “oportunidade única” para os concellos, colectivos, empresas e asociacións de Lugo, pois a primeira edición, que contou cun investimento de 530.000 euros, chegou a 38 municipios da provincia. O mesmo acontecerá coas liñas de axudas para embelecer a contorna dos itinerarios; os aloxamentos turísticos, estendéndose como novidade nesta edición á restauración; e as infraestruturas turísticas, das que o 30% foron para concellos e entidades lucenses. Asemade, no vindeiro ano entrará en funcionamento o programa Elixe Galicia; iniciativa que potenciará o turismo interno e que dispón de 1,6 millóns de euros de orzamento.
No marco do Plan Estratéxico do Xacobeo, tanto Lugo cidade como todos os municipios da provincia, pase ou non o Camiño, contarán con programación e investimentos propios. Tamén se levarán a cabo catros plans específicos para albergues, sinalización, mantemento e embelecemento. No primeiro, aos xa abertos en A Fonsagrada e Friol, sumarase a creación dun novo albergue no Saviñao, que estará situado no palacio episcopal de Diamondi. No segundo, sinalizarase o Camiño de Inverno cun investimento que rondará o 3 millóns de euros e, no terceiro, farase plan de mantemento nos catro camiños por valor de máis de 5 millóns de euros.
A provincia tamén está presente na actuación prevista para os bens culturais. Dentro desta orde, apuntou Román Rodríguez, actuarase nos seguintes: Castro de Viladonga (Castro de Rei); nas igrexas de San Martiño (Samos), de San Pedro (Lugo), de San Xoán (Portomarín) e na de San Vicente Pombeiro (Pantón); nas pallozas de Pedrafita; na Muralla e no mosteiro de Santa María, tamén en Pantón; ademais doutras pequenas actuacións en Sober, Mondoñedo, Monforte, Lourenzá ou O Incio. A isto engadirase o Plan de Xestión da Ribeira Sacra, que suporá un impulso fundamental para acadar a distinción da UNESCO como Patrimonio da Humanidade.