Burela, 13 de novembro de 2019. O teatro será o protagonista a vindeira fin de semana en Burela. O sábado 16 ás 20:30 horas o grupo Metátese Teatro, de Palas de Rei, porá en escena a obra Na procura dun traballo. O domingo 17 ás 18:00 horas Talía Teatro presentará en Burela o espectáculo para o público infantil e familiar Rosa, caramelo e outras historias. A entrada será libre e gratuíta en ambos casos.
O concelleiro de Cultura, José Díaz, anunciou que “para este fin de semana en Burela temos, tanto o sábado como o domingo, dous eventos culturais neste caso de teatro. Un deles vai ser o sábado 16, que sería teatro para adultos. A partir das oito e media o grupo Metátese Teatro, que xa estivo noutras ocasións aquí en Burela, un grupo de Palas de Rei e que representará a obra Na procura dun traballo. É dentro do programa Buxiganga, proxecto teatral afeccionado do ano 2019 e conn entrada libre para todos os públicos”.
O edil burelés dixo que “a obra ten pinta de ser moi divertida e por iso convido a todos os nosos veciños e veciñas a que se acheguen ao auditorio. Temos que apoiar o teatro todo o posible para que estes grupos afeccionados sigan xirando por todos os pobos da provincia e de Galicia. É importante que haxa público para que eles tamén teñan esa motivación extra, que non deixemos de lado nunca o teatro”.
José Díaz explicou que “Na procura dun traballo trata sobre temas de actualidade, sobre o mundo laboral, a inmigración, os medios de comunicación… O espectáculo empeza cun programa de televisión no que se anuncia un aparello que permite viaxar no tempo, entón tres dos protagonistas, son homes sen traballo sumidos nunha crise existencial, deciden mercar ese aparello para viaxar no tempo e pasar por diferentes épocas, pola prehistoria, polo antigo Exipto, por Roma e polo lonxano oeste, vendo as dificultades e as penalidades que había en cada unha desas épocas. Por iso digo que ten pinta de ser moi divertida. Dura unha hora e oxalá que poidamos ter moito aforo esa tarde no teatro. Ademais con este frío parece que acompaña ao teatro para poder estar sentados, cómodos, e rirnos un pouco, que boa fata fai”.
O concelleiro de Cultura seguiu a relatar que “a obra de teatro que temos o domingo estaría enfocada ao público infantil e familiar. Neste caso é a compañía Talía Teatro, que tamén estivo aquí en Burela, a que presentará a obra Rosa, caramelo e outras historias. Vai ser o domingo ás seis da tarde. O espectáculo está dirixido por Paula Carballeira e interpretan Arturo Trillo e Fernando Fraga, que é un acordeonista moi bo, virtuoso realmente deste instrumento, que vai acompañar en todo o que faga o seu compañeiro no escenario. Son cinco historias que van musicadas, que foron editadas por Kalandraka que é unha das editoriais máis importante en literatura infantil e gráfica que temos en Galicia. Son historias dunha escritora italiana que se chama Adela Turín, con textos con moitísima pegada e que calan moito nos máis pequenos. Toca temas como a violencia de xénero dunha maneira que os nenos e nenas entendan ben e que se queden coa mensaxe. Isto está dentro do programa de dinamización lingüística FalaRedes, que organiza a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a entrada é libre”.
Desde a Concellería de Cultura lembran que ata o 27 de novembro pode visitarse na sala de arte da Casa da Cultura a exposición fotográfica do Club Imaxe. O horario, de luns e venres, é de 10 a 13 de horas e de 17 a 20 horas.