Site icon Crónica3.com A Mariña

Comezan as xornadas afectivo-sexuais no CEIP Gregorio Sanz de Ribadeo

 Ribadeo, 12 de novembro, 2019. A ANPA A Faxarda do CEIP Gregorio Sanz de Ribadeo organiza durante o mes de novembro tres actividades orientadas á formación afectivo-sexual tanto das pequenas e pequenos como dos seus pais e nais. Estas serán as primeiras formacións sobre esta temática que realizará a asociación.
A primeira destas accións terán lugar entre o mércores 13 e o venres 15 e leva por nome Co-creando igualdade. Consiste en 4 sesións para nenas e nenos de 6º de primaria onde elas traballarán temáticas de empoderamento a cargo de Eva Cividanes, eles farán o propio con masculinidades guiados por José Expósito, para finalizar todos e todas en sesións conxuntas.
A seguinte semana, entre o 18 e o 22 de novembro, organizarase Abeirar, obradoiros especializados para os máis pequenos e pequenas, desde infantil a 3º de primaria, e que queren comezar a educar nos temas afectivo-sexuais. Os obradoiros impartiranos a psicóloga e sexóloga Martina González e a sexóloga e educadora social Sabela Maceira. Para explicar os por menores, as formadoras realizarán dúas charlas informativas para nais, pais e profesorado, unha o 14 de novembro e outra o 22.
Tamén nas mesmas datas e pensado no alumnado de 4º, 5º e 6º de primaria, terá lugar o obradoiro Coñécete, a cargo da sexóloga e psicóloga Raquel Graña, tamén para abordar asuntos afectivo-sexuais. Nesta acción farase outro encontro con nais, pais e profesorado que terá lugar o día 29 deste mes.
Estas son as tres primeiras accións que a ANPA A Faxarda realizará este curso e onde quere poñer o acento en materias de igualdade, sexualidade e coidados. Durante os vindeiros meses continuará realizando actividades destas temáticas.

Exit mobile version