Site icon Crónica3.com A Mariña

Comezan as actividades do Centro de Coñecemento da Fundación Expomar en Burela

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Burela, 15 de novembro, 2019. Este venres comezaron as actividades do Centro de Coñecemento en Patrimonio Cultural Pesqueiro, que promove a Fundación Expomar e que está financiado polo Grupo de Acción Local do sector Pesqueiro A Mariña Ortegal.
O Centro de Coñecemento nace co obxectivo de poñer en valor o sector náutico pesqueiro da zona e divulgar o patrimonio e a cultura mariñeira da Mariña Lucense, tratando de involucrar á poboación local en tódolos temas relacionados coa pesca. A Fundación Expomar organiza estas actividades, que están coordinadas pola consultora Valora.
A primeira destas actividades consistiu nunha visita de membros da Asociación de Mariñeiros Xubilados A Moncloa aos centros educativos de Burela. Os alumnos de 5º de primaria do CEIP Virxe do Carme e os alumnos de 4º de ESO do IES Perdouro recibiron nas súas aulas as ensinanzas e anécdotas destes vellos mariñeiros.
Os nenos de 10 e 15 anos amosáronse moi participativos e fixeron numerosas preguntas aos xubilados, que tamén lles ensinaron a facer nudos mariñeiros e lles falaron das diferentes artes de pesca tradicionais.
O presidente da Fundación Expomar e alcalde de Burela, Alfredo Llano, acompañado polo primeiro tenente alcalde de Burela, Ramiro Fernández, acompañou aos membros da Moncloa nesta primeira visita aos centros educativos bureleses.

CONGRESO NACIONAL DE ARTES DE PESCA E CONGRESO INFANTIL
Unha das primeiras grandes accións deste novo proxecto é o primeiro Congreso Nacional de Artes de Pesca, que se celebrará en Burela o 12 e 13 de decembro, así como o primeiro Congreso Infantil “Conservemos o noso Mar”, que terá lugar tamén en Burela o vindeiro xoves 12 de decembro.
A presentación destes dous congresos terá lugar o vindeiro martes 19 de novembro ás 11:00h no Hotel Nordés de Burela, á que se convocou a tódolos alcaldes da Mariña Lucense, patróns e membros da Fundación Expomar, centros educativos e tódalas entidades mariñanas relacionadas co mundo do mar.

Exit mobile version