Esta cuarta andaina reivindicativa partiu do Centro de Formación do Servizo de Audiovisuais e fixo varias paradas estratéxicas para simular as diferentes fases evolutivas polas que atravesa unha relación sentimental na que existe violencia machista. Representouse a través da danza, coa colaboración da academia Gravity, este proxecto ideado polo alumnado de Produción que reflicte, a través de catro coreografías de baile: o namoramento, a violencia verbal, a violencia física e o empoderamento da muller.
A Deputada de Muller e Igualdade e a Alcaldesa de Lugo amosaron ao remate do acto a repulsa de ámbalas dúas institucións, pero tamén tiveron palabras de alento a todas as mulleres que sofren violencia. Loureiro lembrou as 52 mulleres asasinadas no último ano pola violencia machista e incidiu en que “non podemos permitir que haxa ningunha máis. Hoxe vestimos de negro como símbolo de loito, pero tamén de loita e de compromiso social”.
Na súa intervención, destacou que os representantes institucionais “independentemente da nosa cor política, temos a obriga de combater con todas as ferramentas calquera sinal de revisionismo das violencias machistas”. Loureiro puxo o acento na necesidade de atallar o problema dende a educación, eliminando roles de xénero, os estereotipos e calquera manifestación que promova a submisión da muller e menoscabe os seus dereitos.
A Deputada valorou positivamente a boa resposta dos lucenses nesta iniciativa e saudou que diferentes asociacións e colectivos acudiran xuntos: “Simbolizamos a nosa unión como sociedade para erradicar este grave problema”.
Proxecto do alumnado
O Camiño contra as Violencias organizouno o alumnado de 1º de Produción do Centro de Formación do Servizo de Audiovisuais. A marcha estivo marcado por un grupo de rapaces e rapazas vestidos integramente de cor negro, incluídas as caretas, indicando as distintas paradas ao longo do percorrido. A primeira parada, na Praza Pío XII, representouse a fase do namoramento. Despois, os participantes na andaina pasaron pola Praza de Santa María, onde se colocaron 52 pares de zapatos negros, un por cada muller asasinada no que vai de ano e que conducían ata a segunda parada, nas escaleiras da Praza Maior, lugar no que se amosou a violencia verbal. A marcha continuou ata a rúa da Raíña, terceiro punto, onde a parella de baile representou a violencia física. Tras o paso pola Árbore da Vida na Praza de Santo Domingo, a actividade rematou na Praza de San Marcos.
Dúas vítimas de violencias machista leron o manifesto xunto á Árbore da Vida, na praza de Santo Domingo e, a continuación, realizouse unha ofrenda floral. Xa na Praza de San Marcos tiveron lugar as intervencións das autoridades e unha actuación musical de Ruth León, do colectivo Secretariado Xitano. Ao remate do acto, todas as persoas asistentes soltaron globos negros.
Praza de San Marcos
Na Praza de San Marcos penduráronse fotografías dos deputados, deputadas e do persoal da Deputación con lemas da campaña En Negro contra as Violencias. Ademais, dende o pasado xoves está despregada unha gran pancarta na fachada da institución provincial onde un “Non é Non” simboliza a enérxica repulsa da institución ás violencias machistas.