Site icon Crónica3.com A Mariña

“Cando o contestatario non contesta”, por Lionel Rexes

Sucedeume o xoves 14 sobre as oito do serán. Recibo unha chamada da Axencia de Investigación de Mercados Ipsos; o motivo da comunicación -en castelán- é a realización dunha enquisa sobre a imaxe das compañías eléctricas entre a poboación. Tomo a decisión de acceder ao cuestionario e rógolle á operadora que me pase con alguén que poida efectuar a devandita enquisa en galego. Chega a resposta desconcertante:
-Non mo permiten. Podería falarlle en galego porque son de Ourense, mais non nolo permiten.
A operadora pronuncia as inquietantes palabras nun castelán que pugna por avanzar cara ao galego, e nos últimos sintagmas da frase predomina xa a lingua vernácula de emisora e receptor. Agardo que tal arroutada non lle teña custado unha admonición dos seus superiores.
Declino responder o cuestionario e a operadora ourensá despídese cun “Síntoo moito”, xa en perfecto galego. Espero que tal ousadía non lle teña custado o posto de traballo.
Nalgunha outra ocasión teño refusado participar en enquisas telefónicas por cuestións idiomáticas, mais o razoamento da operadora en cuestión fora ben diferente, pois a imposibilidade de comunicación na miña lingua aparecía vinculada á carencia de galegofalantes no cadro de persoal.
Indefectibelmente, cada vez que unha operadora ou operador require a miña atención -sempre co obxectivo de coñecer a miña opinión ou de me gañar como cliente- explícolle que está chamando a un territorio cunha lingua de seu, e polo tanto, se a súa empresa desexa realizar negocios ou sondaxes nesta comunidade, deberá contar con persoal formado no idioma propio da mesma.
No caso de que a comunicación en galego non sexa posíbel, a enquisa tampouco o será pola miña parte, e moito menos a adquisición dun produto ou a contratación dun servizo.
Non exixo nada extravagante nin inalcanzábel, tan só a mesma actitude mostrada polas empresas galegas no exterior, as cales empregan os idiomas precisos para comerciaren nos territorios onde se asentaron coa intención de abriren mercados.
Poñamos un exemplo: Cando un madrileño vai comer unha ración de polbo á feira ao restaurante Terra a nosa!, situado a carón da Plaza Mayor de Madrid, non é atendido en galego senón en castelán, por moitos argumentos identitarios que incen o ambiente. As razóns son evidentes: Ao negocio hosteleiro interésalle facerse entender, e xa contemplando cuestións lexislativas, a comunidade autónoma en que ofrece servizo o devandito estabelecemento, asume o castelán como lingua oficial.
Ignoraba eu que a deriva totalitarista á que asistimos no ámbito político fose traducirse tan axiña na vida cotiá, mais cómpre estarmos alerta e fixármonos no modo de contactar (publicidade, comercio electrónico, campañas telefónicas…) das sociedades mercantís, por se outras empresas tamén decidiron asumiren o risco de perderen clientes a cambio de alentar o supremacismo lingüístico.
Non sei até que punto a legalidade vixente ampara as prácticas da compañía Ipsos, pois a prohibición de falar un idioma cando un usuario o demanda e a persoa empregada o coñece, supón unha evidente mostra de apartheid idiomático, e en definitiva unha grave vulneración dun dereito básico: A libre expresión na lingua propia.
O apartheid é un sistema destinado a separar e illar, e por tanto, propicia que unha parte da cidadanía se vexa segregada a causa do seu patrimonio lingüístico e por extensión do seu patrimonio cultural. Non é esta unha maneira de exercer o separatismo desde unha instancia poderosa como o é unha multinacional?
Censurar o uso das linguas non é máis ca converter a ignorancia en virtude, pois unha operadora que ten a capacidade de conectar mellor e con máis familiaridade coa poboación dunha determinada comunidade, debería ser incentivada e xamais limitada no seu labor.
Supoño que o departamento de recursos humanos da Ipsos, no canto de valorar o coñecemento de idiomas, penalizará certas competencias durante as entrevistas de traballo, optando por contrataren preferentemente os máis ignorantes. Isto non é novo, sabedoría e talento non sempre supuxeron unha óptima carta de presentación en determinados lugares e momentos; vénseme agora á mente o famoso e cuestionado ¡Muera la inteligencia!, bramado no afastado –ou non tanto?- 1936, ano en que o idioma galego xa se dota dunha lexislación oficializadora a través do primeiro Estatuto de Autonomía.
Obstaculizar as conversas en determinadas linguas e adoptar o agravio e a imposición como políticas de empresa non di nada en favor da Ipsos, pois, pretender obter os recursos dun territorio desprezando a súa idiosincrasia é un conto vello, tanto coma o desprestixio que xeran as denuncias públicas dos contestatarios, eses cidadáns que ás veces deciden non contestar, como resposta ante actitudes irrespectuosas.

Exit mobile version