O Goberno Sánchez en funcións, exercendo o máis baixo electoralismo dende a súa absoluta falla de lexitimidade (e moi probábelmente de legalidade), arrumbou calquera criterio legal, ético ou estético para aprobar o 31 de outubro un Decreto-Lei que ven de ser agora ratificado pola Deputación Permanente do Congreso estatal disolto. Votaron a prol os deputados do tripartito do 155 (PSOE, PP e Cs) e abstivéronse os de UP, amosando outravolta que o máis semellante a un español de dereitas é un español de esquerdas.
Das resultas deste aberrante iter o Goberno do Estado poderá pechar ou intervir de vez, sen falta ningunha de autorización xudicial, calquera rede de comunicacións dixital por etéreas razóns baseadas en tres conceptos xurídicos indeterminados: a seguranza pública, a orde pública e a seguranza cidadá, o que de feito amplía ad infinitum as posíbeis causas de peche ou intervención do Executivo estatal e deixa o Estado español nos níveis de liberdade dixital da República Popular de China.
Pedro Sánchez propuxo esta aberración para lle amosar á cidadanía que era quen de se pór ao nível do PP ou Cs canto a medidas excepcionais contra as demostracións cidadás do movemento soberanista catalán. Así e todo, as medidas implementadas, como adoita pasar con todas as lexislacións excepcionais, poderán ser usadas hoxe en Catalunya, mañá en Galicia ou Euskadi e pasado mañá en Madrid ou Valencia.
O Decreto-Lei aprobado vulnera abertamente o artigo 86 da Constitución (CE), que regula esta caste de lexislación. Primeiro porque non existía motivo ningún de extraordinaria e urxente necesidade, esixida no devandito artigo para aprobar esta caste de instrumentos. Segundo por incidir na regulación ds dereitos e liberdades constitucionais (e non só nas liberdades públicas como as liberdade de expresión e manifestación), prohibida no propio artigo 86 CE. E terceiro por atinxir o contido esencial da liberdade de expresión do artigo 20 CE e, relacionadamente, de libre manifestación cívica do artigo 21.2 CE, vulnerando a prohibición do artigo 53.1 que reserva á lei a regulación do contido esencial destas liberdades.
Porén, non confíen vostedes en que o Tribunal Constitucional partille no futuro estas ideas tan nidias. Porque os seus membros foron elixidos polos políticos do PP (de xeito maioritario) e PSOE, que agora aprobaron canda Cs esta barbaridade. Demostrárono coa sentenza que declarou constitucional o abusivo exercicio por Rajoy (apoiado por Sánchez) do 155 e demóstrano día a día decidindo como deciden os árbitros de fútbol caseiros.