Burela, 18 de novembro, 2019. A Fundación Expomar presenta este martes 19 de novembro ás 11:00h no Hotel Nordés de Burela o primeiro Congreso Nacional de Artes de Pesca, que se celebrará en Burela o 12 e 13 de decembro, así como o primeiro Congreso Infantil “Conservemos o noso Mar”, que terá lugar tamén en Burela o xoves 12 de decembro.
O acto estará presidido polo presidente da Fundación Expomar e alcalde de Burela, Alfredo Llano, e o xerente da Fundación José Manuel González ‘Brais’, que presentarán os contidos e actividades incluídas nos programas destes congresos.
Están convocados a este acto tódolos alcaldes da Mariña Lucense, patróns e membros da Fundación Expomar e centros educativos, así como as entidades mariñanas relacionadas co mundo do mar.
Estas accións inclúense dentro do proxecto “Centro de Coñecemento en Patrimonio Cultural Pesqueiro”, que promove a Fundación Expomar e que está financiado polo GALP A Mariña Ortegal.
O “Centro de Coñecemento” nace co obxectivo de poñer en valor o sector náutico pesqueiro da zona e divulgar o patrimonio e a cultura mariñeira da Mariña Lucense, tratando de involucrar á poboación local en tódolos temas relacionados coa pesca.
A primeira das actividades do “Centro de Coñecemento” celebrouse o pasado venres, cunha visita de membros da “Asociación de Mariñeiros Xubilados A Moncloa” aos centros educativos de Burela. Os alumnos de 5º de Primaria do CEIP Virxe do Carme e os alumnos de 4º de ESO do IES Perdouro recibiron nas súas aulas as ensinanzas e anécdotas destes vellos mariñeiros.