Despois da reunión, o candidato José Manuel Barreiro explicou que foi un encontro enmarcado «na defensa que desde sempre facemos no Partido Popular dos sectores produtivos básicos da nosa economía; neste caso, fundamentalmente da excelencia que temos na produción de carne de vacún, derivada da calidade da nosa propia raza autóctona».
Barreiro sinalou: «Queremos seguir traballando nesa dirección e pelexando para conseguir mellorar as condicións de vida no rural. Unha das vías posibles para conseguilo é precisamente a través da produción de carne». Un dos obxectivos é lograr «a mellora dos prezos, que é un dos problema enormes que están tendo os gandeiros de carne, igual que no caso do leite».
O citado candidato manifestou: «Nós comprometémonos a traballar tanto no Congreso como no Senado nesa dirección para defender prezos dignos que permitan que a calidade excepcional que ten a nosa carne de vacún se vexa recompensada e sexa un atractivo para asentar poboación no rural».
O conselleiro, José González Vázquez, escoitou as preocupacións e demandas dos representantes de Acruga e expuxo diversas iniciativas nas que traballa o seu departamento. Explicou aspectos do plan de dinamización do sector lácteo e anunciou tamén un plan estratéxico para o sector da carne, que pretende que quede rematado no ano en curso. Indicou que abordarán cuestións relacionadas coa formación, para preparar aos traballadores que demandan as empresas. O conselleiro de Medio Rural recoñeceu que o obxectivo é conseguir un incremento no prezo dos produtos que faga rendible realmente o traballo dos gandeiros tanto de leite como de carne.
Na mesma liña, González Vázquez recordou que en novembro entrará no Parlamento a futura lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia na que está a traballar o se departamento xunto con Grupo Parlamentario Popular. Destacou igualmente a importancia que terá para o sector a posta en servizo do matadoiro móbil e da Oficina Agraria Comarcal itinerante.
Entre os asuntos tratados na reunión estivo a mellora da promoción da carne de rubia galega. O presidente de Acruga, César Dorado, suxeriu campañas publicitarias e charlas formativas.
Entre os asistentes á reunión estivo o deputado autonómico popular, Daniel Vega, bo coñecedor dos asuntos abordados ao longo da reunión.