Site icon Crónica3.com A Mariña

Arredor de 700 persoas participaron na andaina en contra das violencias, que este luns percorreu varias rúas de Ribadeo para rematar no Cargadoiro

 Ribadeo, 25 de novembro de 2019. Ribadeo celebrou hoxe, 25 de novembro, o Día Internacional contra a Violencia cara ás Mulleres cunha andaina que partiu ás 11 da mañá do aparcadoiro municipal, percorreu varias rúas e lugares emblemáticos da vila e rematou no Cargadoiro, onde tivo lugar a lectura do manifesto a cargo da concelleira de Igualdade, Mariluz Álvarez Lastra.
A cor negra tinguiu hoxe as rúas de Ribadeo desde o aparcadoiro pasando por San Lázaro, Deputación, Reinante (con parada diante do centro de saúde), San Francisco, Villafranca del Bierzo, Rodríguez Murias, despois houbo unha parada duns 5 minutos na Praza 8 de Marzo, para seguir o percorrido por Calvo Sotelo e o Cargadoiro, onde rematou esta andaina a carón do albergue municipal de peregrinxs.
O lema elixido para conmemorar esta data foi Camiña Segura, Ribadeo en negro!! “Dúas campañas entrelazadas, porque a violencia sexual no camiño, a violencia e falta de seguridade das mulleres e mozas nas rúas é unha violencia de xénero cada vez máis denunciada na nosa sociedade. Queremos que o noso Concello, sexa un sitio onde as mulleres e as mozas se sintan seguras ao ir a casa, sexa a hora que sexa, un concello onde as peregrinas que pasen por Ribadeo e vaian soas o fagan coa seguridade de que están nun entorno seguro. Con esta andaina ou marcha queremos reivindicar e apostar por este entorno seguro e faremos todas as accións que estean da nosa man nese sentido”, explicaba Mariluz Álvarez Lastra o día da presentación da campaña e que lembraba tamén esta mañá antes de dar lectura ao manifesto para amosar a repulsa cara todas as violencias que se exercen contra as mulleres polo feito de ser mulleres.
Arredor de 700 persoas participaron nesta andaina que percorreu Ribadeo. Ademais de alumnado dos centros de ensino tamén acudiron usuarios do centro de día e do programa Aquí? Coma de 20! así coma veciñas e veciños a título particular. Durante o percorrido foron coreadas diversas consignas e puideron verse varias pancartas.
Mariluz Álvarez Lastra agradeceu a presenza dos centros de ensino, a participación da veciñanza, do centro de día, do programa Aquí? Coma de 20!, dxs compañeirxs da Corporación Municipal así como o traballo realizado polxs técnicxs municipais para que esta xornada se levase adiante.
O acto deu comezo coa lectura dun poema de Sandra Saavedra sobre os medos que ocasiona a lacra da violencia machista e rematou cun rap do Comité Lila.

Exit mobile version